A formación especializada e a arte mandan no Festigual

Haberá unha mostra de fotografía en varias rúas da cidade da Coruña. Aliás, está prevista unha representación no Teatro Colón e unha xornada sobre arte e saúde na Fundación Luís Seoane.
Unha actividade do Festigual decorrida esta fin de semana. (Foto: Festigual)
photo_camera Unha actividade do Festigual decorrida esta fin de semana. (Foto: Festigual)

O Festigual, proxecto impulsado pola Fundación Emalcsa na Coruña co obxectivo de impulsar unha cultura máis inclusiva, afronta o groso da súa programación con máis actividades artísticas e tamén fornecendo aprendizaxes especializadas. Un dos pratos fortes da semana será o achegamento a toda a sociedade, a través dunha exposición sobre a inclusión que estará nas rúas. 

En concreto, trátase dunha mostra de fotografía que pendurará dos farois da cidade e que leva por título "Unha mirada desde a diversidade".

As imaxes poderán desfrutarse ao camiñar polos Cantóns de Méndez Núñez, a avenida do Porto, a praza de Lugo, Primo de Rivera e a praza de Ourense.

A iniciativa foi creada pola axencia Nós Why Not, a primeira firma de fotografía cun cadro de persoal formado por persoas con discapacidade intelectual.

PlaTEA e o pirata desde a perspectiva de xénero

Ademais, na quinta feira, 18 de novembro ás 20 horas, o escenario das propostas igualitarias será o Teatro Colón, onde haberá unha representación feita, pensada e interpretada para todos os públicos. Levaraa a escena unha compañía canaria, PlaTEA -integrada na Fundación DISA que promove o teatro como terapia e método de inclusión para persoas con trastorno do espectro autista-. 

Este colectivo converte En busca de Barbarroja nunha “disparatada aventura musical con perspectiva de xénero sobre o famoso pirata e a súa intrépida filla Sister Ping”. A entrada será gratuíta até completar a capacidade. 

A creatividade, unha ferramenta para a saúde

Como acción de fechamento do Festigual esta semana, a Fundación Luis Seoane acollerá a xornada Arte e Saúde, coa que a organización deste evento pretende dar unha maior visibilidade “á importancia da arte e a creación como ferramenta para a saúde comunitaria”. 

Estas sesións están creadas e coordinadas por Rebeca Ponte e Carlota Pérez, e contarán coa presenza do profesor do Master de Arteterapia da Facultade de Girona, Álvaro Prats, e a responsábel de proxectos arteterapéuticos nos hospitais Puerta del Hierro e La Paz de Madrid, María del Río Diéguez. As prazas para acudir son gratuítas se ben requiren inscrición previa.

Comentarios