A Festa do Banquete de Conxo volverá lembrar o histórico xantar

Os Quinquilláns coordinarán as recreacións teatralizadas do evento.
Os concelleiros de Festas, Pilar Lueiro, e de Centros Socioculturais, Xan Duro, acompañados de Lucía Castro, técnica do Departamento de Comercio, e Cecilia Carballido, coordinadora do evento
photo_camera Os concelleiros de Festas, Pilar Lueiro, e de Centros Socioculturais, Xan Duro, acompañados de Lucía Castro, técnica do Departamento de Comercio, e Cecilia Carballido, coordinadora do evento

Un ano máis o barrio compostelán de Conxo celebra a súa festa histórica na que se conmemora a fraternidade, a liberdade e a igualdade, e as datas escollidas son o 24, 25 e 26 de maio. A xornada contará cun amplo programa de actividades cuxo eixo fundamental será a participación da veciñanza, e terá como día grande o domingo 26 co desfile e as recreacións teatralizadas do histórico Banquete de Conxo, seguidas pola tradicional romaría popular.

A concelleira de Festas de Compostela, Pilar Lueiro, anunciou onte que nesta nova edición da Festa do Banquete de Conxo, en cuxa organización están a traballar varios departamentos o Concello da capital en colaboración coa veciñanza, contarase coa participación do barrio de Marrozos, tras a incorporación o ano pasado do barrio de Sar e a parroquia de Villestro. 

Pilar Lueiro tamén presentou a imaxe escollida para esta edición, obra do deseñador Pancho Lapeña, que "propón unha coidada variación nas cores base do deseño e, dun xeito continuísta, explora a ornitoloxía do bosque incluíndo coma unha personaxe máis o paporrubio, paxaro presente no bosque e que nos acompañará como protagonista das variacións da imaxe que implementemos na comunicación da festa".

Para celebrar o día grande, o 26 de maio, contarase co desfile teatralizado do Banquete que percorrerá as rúas da capital da Galiza, baixo a coordinación artística de Os Quinquilláns.

Pola tarde celebrarase 'O serán da Fraternidade', cun xantar colectivo na carballeira de Conxo, seguido por unha foliada que estará amenizada por música e bailes tradicionais, na que se convida toda a veciñanza a caracterizarse para a ocasión. 

O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete. A organización conta co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego e tamén organiza obradoiros de deseño e vestiario para confección vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego...).

Comentarios