Festa da cultura no Eido Dourado de Reinante

O artista mariñán Celso Dourado ten diante da praia das Pasadas, en San Miguel de Reinante, un singular espazo de arte que este sábado día 30 abrirá as súas portas cunha festa da cultura.

Nesta festa de comezo de verán no Eido Dourado o programa estará composto polas actuacións musicais da cantante galego-palestina Najla Shami, o cantautor Tino Baz e os músicos Mini e Mero. Na parte literaria os versos da poeta Laura Branco xuntarase á intervención do escritor Carlos Reigosa arredor da obra do escultor Fernando Villapol autor da escultura que se inaugurará e pasará a tomar parte da colección da casa do artista mariñán. Manuel Lourenzo e Pepe Penabade ofrecerán as intervencións teatrais da velada,

Ao entrar no Eido Dourado descúbrese un espazo persoal que preside a marca do seu creador, o artista Celso Dourado. Alén da exposición permanente, o imaxinativo xardín e as portas abertas da casa definen a filosofía de encontro e creación que desvela a personalidade do seu autor. A marca do artista preside tamén a festa que este sábado día 30 convocará diante da praia das Pasadas a creadores de distintas especialidades artísticas nunha xuntanza que significa tamén o inicio da tempada na que o espazo artístico ten as súas portas abertas.
Celso Dourado quere mostrar coa súa iniciativa que outro tipo de xestión é posíbel e que se poden organizar proxectos culturais fóra das cidades e dos centros urbanos. Eido Dourado permanecerá aberto para as visitas ata setembro nunha tempada na que, xunto coa exposición temporal, quen se achegue poderá participar na programación cultural deseñada para o ceo aberto dos xardíns, elaborados polo propio artista con materiais naturais da zona evocando o deseño zen.
.

Para coñecer Eido Dourado ademais de entrar o espazo de Reinante pódese visitar a súa web. 

Comentarios