A Feira Franca enche as rúas de Pontevedra

A cidade recibe engalanada milleiros de visitantes, mentres lembra o seu esplendor do século XV.
Recreación do Transporte do Viño na Feira Franca 2023.
photo_camera Recreación do Transporte do Viño na Feira Franca 2023.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, volveu acudir este ano á súa cita coa Feira Franca para asegurar que "un ano máis, a Feira Franca é espectacular". "Só fai falta ver a cara da xente, a alegría da xente. Está esperando este día para saír á rúa e disfrutar", insistiu ao mediodía deste sábado Lores, acompañado polos concelleiros Eva Vilaverde, Carme da Silva, Demetrio Gómez e María Xosé Abilleira.

O rexedor felicitou e agradeceu a implicación dos participantes no obradoiro, lembrando que a Feira Franca é unha festa participativa, que xera "actividade económica" e que require da implicación "de todo o mundo", de "familias enteiras". Así mesmo, apuntou subliñou a importancia de todos os procesos de integración que se realizan desde e promoven desde o Concello, creando "rutinas e horarios" co fin de fomentar "a actividade social, tanto individual como colectiva".

Aínda que as previsións meteorolóxicas facían temer chuvia, durante as primeiras horas deste sábado o tempo acompañou e chegaron ata a Boa Vila persoas de toda a comarca e tamén do resto da Galiza e doutras zonas do Estado.

 

A escolta do viño

A Asociación Recreativa de Xeve encárgase en cada Feira Franca de escenificar a chegada dos carros co viño do ribeiro e a súa entrada na cidade desde Ourense ata Santa Clara e de aí á praza da Ferrería. Como cada ano, alí agardaban centos de persoas que querían ver pasar a comitiva e probar o primeiro viño da tempada. 

Un dos momentos máis simbólicos da Feira Franca, é a chegada de arrieiros, mercadores e labradores que chegan á cidade  transportando o viño do Ribeiro que regará a festa durante toda a xornada. O ritual escenifica o momento no que chegaba á Pontevedra do medievo o viño que acababa de ser colleitado. Xentes de todas as partes corrían ata a cidade coincidindo coa apertura do mercado dun mes libre de impostos co que o rei Enrique IV premiou á Boa Vila a súa fidelidade, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomé. 

Desde o ano 2000, Pontevedra rememora ese privilexio e desde 2013 está declarada Festa de Interese Turístico da Galiza.

Para acompañalos, a Asociación Recreativa de Xeve contou coa participación de A Xanela do Maxín e Troula e con animación do grupo Dúas Pontes. E, como é habitual, a comitiva estivo precedida polos dragóns que son xa elemento imprescindible da Feira Franca e da xa tradicional voda medieval que cada ano fai as delicias dos pontevedreses e visitantes.  

 

Consolidación

A consolidación da Feira Franca é innegábel. Cada ano son máis os visitantes que queren volver ao pasado vestíndose con roupa de época e saíndo, xunto cos pontevedreses, a gozar das súas rúas e dos espectáculos que se celebran.

O que a fai especial e diferente son os miles de persoas que se visten con roupa de época, creando unha deliciosa obra na que o público tamén é actor no escenario da cidade.

Ano tras ano, a festa vai ampliándose para novas zonas da cidade e cada vez hai máis negocios que non están no casco histórico que se suman á celebración. 

 

Comentarios