Fasero dura só seis meses na SGAE

A SGAE despide a Xoán Carlos Fasero por medio dunha carta. O que fora xerente da AGADIC, mantívose só seis meses á fronte da coñecida como “zona noroeste” da entidade á fronte a que está Antón Reixa, que tivo en abril que responder polo nomeamento de Fasero, ao se saber que o musical Galicia Canival recibira case cento cincuenta mil euros da AGADIC. 

Fernández Fasero
photo_camera Fernández Fasero

Xoán Carlos Fasero fora nomeado por Antón Reixa como director da zona noroeste da Sociedade Xeneral de Autores e Editores (SGAE), razón pola que presentara a súa demisión á fronte da AGADIC, a axencia das industrias culturais da Xunta. No momento, desde os sectores da cultura, fora recibido con precaución do paso desde a administración pública á entidade que xestiona os dereitos dos autores. Sen embargo, Antón Reixa apostara polo perfil do xestor do PP para as industrias culturais que antes proviña da empresa privada no ámbito da música, sendo, entre outros, o representante de Cristina Pato. 

No mes de abril, Fasero foi unha das causas da máis forte crise de Antón Reixa á fronte da SGAE ao se facer público que o seu nomeamento se producira despois de que a productora Filmanova recibira da AGADIC 142.665 euros para Galicia Caníval, o musical que producira o propio Reixa. O productor, músico e poeta tivo entón que responder diante da Xunta Directiva da SGAE polo nomeamento de Fasero, apenas un mes de que este, segundo informa EFE, recibira a carta de despido. 

Segundo a axencia EFE, que cita declaracións do seu avogado, Miguel Diéguez, Fasero tería vontade de solicitar mediación e arbitraxe antes a noticia do seu despedimento. Xoán Carlos Fasero aínda representaba o pasado mércores á SGAE na presentación do Festival de Cans, na propia aldea de Porriño. 

Comentarios