Máis

Faros da Costa da Morte

A ruta visita Vilán, Punta da Barca e Touriñán
Faro Vilán
photo_camera O faro do cabo Vilán elévase 75 metros sobre o nivel do mar, unha posición que lle ofrece unha gran visibilidade (Foto: Nós Diario).

Os perigos que entraña a temida Costa da Morte, coñecida pola fereza das súas augas, confírenlle maior protagonismo aos faros da zona, posto que a súa función de guía cobra maior relevancia.

Ao longo do litoral localízase unha rede de faros que alumean os tramos máis accidentados da Costa da Morte e que permiten ás embarcacións evitar a bruma e os saíntes das rochas. 

O faro Vilán, no Concello de Camariñas (Terra de Soneira), é un enclave estratéxico. Este edificio de cantaría de planta octogonal construíuse en 1896 para substituír outro de 1854.

O faro, de 25 metros de altura, está unido por un túnel de 250 escaleiras a outra construción de planta cadrada que ten dous andares e que alberga diversas dependencias no seu interior.

O naufraxio do acoirazado inglés HMS Serpent en 1890 axilizou a construción do faro actual. O tráxico desenlace do buque inglés motivou que Vilán se convertese no primeiro faro electrificado da Galiza. Hoxe a súa lanterna emite feixes luminosos cada 15 segundos.

O faro de Punta da Barca, no Concello de Muxía, (comarca de Fisterra) atópase en fronte do faro Vilán. Xuntos protexen a ría de Camariñas, no corazón da Costa da Morte.

Este edificio levantouse en 1926, perto do santuario da Virxe da Barca e das famosas pedras Abalar, Cadrís e Temón. Estes elementos simbolizan as supostas partes da barca: a vela, o casco e o temón. Desde este espazo natural tamén se pode divisar no horizonte o monte Facho Lourido.

O cabo Touriñán é o punto máis occidental do país. Aínda que o faro Touriñán orixinal non estaba previsto, o número alarmante de naufraxios que se produciron a finais do século XIX motivou a súa construción. Inaugurouse en 1898 cunha altura de 8 metros, situado a 50 metros sobre o nivel do mar e anexado á vivenda dos fareiros. A súa lanterna alcanzaba as 10 millas, cunha luz fixa branca producida por unha lámpada. 

En 1918 substituíuse por unha de vapor de petróleo a presión, aumentando o alcance até as 20 millas. O faro novo, construído en 1981, é unha torre de formigón de 11 metros cunha luz que alcanza as 23 millas.

Comentarios