Máis

Os faros de Corme e Laxe

Luzadas nas ondas batentes de Bergantiños
As ondas rompen nos graníticos cantís da contorna do faro do Roncudo (Ponteceso, Bergantiños) (Foto: O Camiño dos Faros)
photo_camera As ondas rompen nos graníticos cantís da contorna do faro do Roncudo (Ponteceso, Bergantiños) (Foto: O Camiño dos Faros)

Dous 'xemelgos' custodian ambos lados da ría de Corme e Laxe (comarca de Bergantiños). Estes faros, construídos en 1920 e de morfoloxía semellante, están localizados en puntas rochosas onde as ondas son bravas e o historial de naufraxios e mortes polos traballadores e traballadoras do sector do mar sempre foi alto. A súa función é diminuír os riscos das travesías dos barcos cando se achegan ás complicadas costas desta zona. 

As luzadas que emiten 'iluminan' o camiño en días de fortes mareas ou temporais. O faro do Roncudo atópase na punta homónima, próxima á localidade de Corme (Ponteceso). O nome de Roncudo provén do forte son que xeran as ondas do mar cando rompen nos cantís.

A súa construción foi proxectada en 1904 mais até 1919 non foi aprobada. Foi construído sen vivenda para persoal. O faro componse dunha torre branca de 11 metros de altitude que se eleva 38 metros sobre o nivel do mar.

Construcións erguidas en 1920 para iluminar na perigosidade das escuras costas

Os brancos e algo desgastados azulexos e a súa lanterna non acristalada mestúranse co agreste da paisaxe, con toxos e rochas con liques. A zona, cunha predominancia de formacións graníticas, é ideal para a actividade percebeira. Toda a contorna do faro está incluída e protexida baixo a figura de Zona de Especial Protección para as aves. 

Noutro lado da ría, en Punta Insua, está o faro de Laxe, análogo do Roncudo. Esta torre branca, situada xunto aos restos do antigo faro, elévase nuns 78 metros sobre o nivel de mar. A pequena península onde se encontra está chea de abruptas furnas e puntas que sobresaen no mar. Ademais pódense atopar novas infraestruturas como un miradoiro dotado como área recreativa e que simula unha formación castrexa.

Alí encóntrase tamén a obra A Espera, unha estatua dunha muller cun fillo nos seus brazos que 'busca' na inmensidade do mar a persoa que lle falta. "O mar, o mar, que mo foi levar". Mercedes Peón xa cantou sobre estas traizoeiras costas. Esta zona está tamén protexida coa figura de Zona de Especial Conservación pola gran biodiversidade que mesturan os biomas mariños, costeiros e dunares, polo que é imprescindíbel cando se visiten estes lugares respectar o medio.

RELAXARSE NO OCASO Praia dos Cristais (Laxe)

No remate do Camiño do Cemiterio de Laxe. O resultado da erosión do mar nun antigo vertedoiro de vidro é unha pequena cala formada por pequenos anacos de cristal. Estes non se poden levar de alí pola conservación desta condición tan singular. Aquí celébranse actividades no verán como o Solpor Poético

LEMBRAR VIDAS Cruces brancas do Roncudo (Corme)

Ao carón do Faro do Roncudo. Dúas cruces de cor branca no alto do cantil perto da Punta do Roncudo lembran e homenaxean as persoas falecidas pola ferocidade do mar na contorna, especialmente os percebeiros e as percebeiras que perderon a vida aquí.

EXPLORAR O ESTEIRO Embocadura do río Anllóns (Ponteceso)

Praia do Medio. O curso baixo do río Anllóns está formado por brañas, un esteiro e unha enseada. A praia do Medio encóntrase no final do río. Esta zona varía a súa morfoloxía segundo a cantidade de sedimentos do río e a climatoloxía. Bosques, cantís e un longo areal cheo de dunas forman unha paisaxe espectacular que permite ver a lonxitude da ría de Corme e Laxe e tamén gozar dun día de praia. Toda a contorna ten roiteros para percorrer os recunchos desta zona e achegarse aos lugares mencionados, máis outros como a praia de Balares (antigo cargadeiro de volframio).

Comentarios