Luar na Lubre celebra a súa traxectoria con 'Encrucillada'

Encrucillada recolle varias das cancións máis emblemáticas do grupo coruñés.
Instante do concerto de Luar na Lubre, onte, na Coruña. (Foto: Mirmidón)
photo_camera Instante do concerto de Luar na Lubre, onte, na Coruña. (Foto: Mirmidón)

Luar na Lubre foi o protagonista onte do segundo dos concertos incluídos na programación do ciclo Folk no Teatro Colón da Coruña. A xa mítica banda presentou o seu último traballo: Luar na Lubre XX. Encrucillada. O concerto xa tiña todas as entradas vendidas desde había días, polo que o aforamento quedou curto. 

Editado en formato libro-disco, Encrucillada recolle varias das cancións máis emblemáticas do grupo coruñés, un dos grandes representantes internacionais da música folk galega. Ademais do repertorio musical, o disco inclúe unha ampla cronoloxía fotográfica e literaria da historia do grupo, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo. 

 

Homenaxe a Pablo Milanés

O disco contén unha peza moi especial para a banda galega, a canción "El Largo Camino de Santiago", que o cantautor cubano Pablo Milanés compuxo e gravou antes do seu pasamento. Esta é só unha das xoias deste vixésimo traballo da banda. 

"A colaboración con Pablo Milanés ten un significado moi especial", relataba Bieito Romero a este medio o pasado mes de xullo. "El mesmo pediunos que fixeramos unha adaptación ao que el entendía que era a música celta e enviounos a pista coa canción -unha canción que era unha declaración de amor á súa compañeira, a galega Nancy Pérez-, mais lamentabelmente faleceu pouco despois e o traballo conxunto xa non puido ter lugar. É unha especie de débeda que saldamos agora". 

Encrucillada, ademais dun disco, é tamén un libro no que se intenta condensar as distintas etapas da banda, desde os seus inicios até a actualidade. O libro complementa ben un disco no que afloran moitas das complicidades cultivadas ao longo destes anos pola banda  e das vías de colaboración que lograron abrir, como mostra a presenza da Orquestra Sinfónica de Bratislava na adaptación da "Cantiga de Santa María". 

Comentarios