Falece Xulio Maside, figura chave da pintura galega da segunda metade do século XX

"Eu son figurativo. Aínda que fixen cousas moi abstractas". Así o advertía el propio nunha entrevista publicada en Sermos Galiza. Sobre todo, fixo debuxo. "Miles de acuarelas". Xulio Maside tamén participou do activismo cultural.
maside
photo_camera Xulio Maside. (Foto: Laura R. Cuba).

Xulio Maside Medina (Vigo, 1933) faleceu o domingo na súa casa de Santiago de Compostela.

Médico anestesista de profesión, pintor figurativo con tendencia expresionista e pegada do cubismo, sobriño de Carlos Maside, foi, ademais, activista cultural de relevo.

En 1961 participou na fundación da asociación compostelá O Galo. Nas décadas de 70 e 80 presidiu a Asociación Galega de Artistas Plásticos. 

Devoción pola pintura

Tal como recolle no ensaio A miña lembranza de Carlos Maside, o ambiente no que transcorren os seus anos de nenez e mocidade foron decisivos para provocar nel interese pola pintura.

A seu tío débelle a ensinanza da conducta moral, o comportamento cívico, a súa fidelidade e amor a Galiza, a transmisión da súa bagaxe intelectual, así como o contacto diario co traballo do pintor no estudio, a correcta utilización das técnicas e o temperán coñecemento das vangardas.

Médico e pintor

"Meu irmán e mais eu viñemos para Santiago aos nove anos, á casa da nai de Carlos Maside e de Maruja Maside. Na rúa do Vilar, 42, onde viviu e morreu Carlos Maside, xusto fronte ao Casino. Unha casa inmensa. Estudamos o bacharelato no instituto Xelmírez con grandes profesores. Carlos Maside facía de pai, quería facer de pai, pero non sabía. Tiña un carácter moi severo, aínda que no fondo era un bendito. Dicía: 'Pintor? Diso nada! Estuda o que queiras'. E eu: 'Arquitectura'. “Pero hai que ir a Madrid e iso custa moito diñeiro', retrucaba. 'Pois daquela estudo Medicina'. 'Pois estuda Medicina'", relatou a Sermos Galiza na primavera de 2018.

Estudou Medicina, diciplina e práctica que sempre desfrutou. De día, traballaba no Hospital Xeral da Galiza e de noita, mais algunhas tardes, pintaba.

Carlos Maside

Carlos Maside foi o seu primeiro mestre, "un debuxante marabilloso" que sempre o animou máis a estudar que a seguir os seus pasos. Máis seguiunos, até o punto de herdar o seu estudo na rúa do Vilar 42, á morte do artista, a quen tamén lle debe o coñecemento da pintura galega anterior ao golpe de Estado.

Nese desafío persoal, admirou os paisaxistas casteláns, o traballo de Vicent Van Gogh e a pintura rusa. En Barcelona,aprendeu gravado e fixo litografías. En Madrid, abandonou en parte a pintura para debuxar, fascinado pola xente que o rodeaba, pendente sempre das tendencias contemporáneas da pintura.

Figurativo e debuxante

"Eu son figurativo. Aínda que fixen cousas moi abstractas", declarara na citada entrevista. Destacou a súa faceta como debuxante. "Sobre todo fixen debuxo. Miles de acuarelas. Pero falando de pintura e de lenzo, -coa técnica que mellor se expresa- é mixta. Cando empezou a pintura acrílica revolucionou a pintura. Hoxe en día pintar ao óleo é un absurdo. Podes usar pinturas ao óleo, pero mesturadas. E logo a colaxe, encántame", afirmou en 2018.

Comentarios