Falece Moncho Rodríguez, pioneiro do teatro galego

Moncho Rodríguez, figura fundamental da historia do teatro galego contemporáneo, faleceu en San Salvador de Baía, no Brasil. Malia que desenvolveu a maior parte da súa traxectoria en Portugal, non se debe esquecer o seu papel en iniciativas que tiveron unha enorme importancia na profesionalización do teatro da Galiza. 

Moncho Rodríguez.
photo_camera Moncho Rodríguez.

Moncho Rodríguez naceu en Vigo no seo dunha familia acomodada que, con tres anos, o levou para o Brasil, onde o seu pai, enxeñeiro industrial, montaba fábricas. Desde moi cedo sentiu a chamada do teatro -segundo declarou algunha vez, despois de ver unha representación do Don Juan Tenorio- estudando arte dramática, facendo parte de grupos profesionais, realizando investigacións teatrais e mesmo participando na creación da primeira publicación especializada do nordés brasileiro.

A sala Carral de Vigo 

Xa na Galiza, Rodríguez foi un dos principais valedores da primeira sala teatral privada, a Sala Carral de Vigo, xestionada pola compañía Artello de 1978 a 1980. 

"Eu comecei a traballar con el no grupo de teatro do Círculo Ourensán Vigués", lembra o actor Antonio Durán 'Morris', unha das grandes figuras xurdidas de Artello, en conversa con Nós Diario. "El e Bieito Ledo, que viñan dunha compañía chamada Teatro Popular Galego, pediron o local da rúa Carral, que pertencía á OJE, para dar uns cursos de dirección que impartía Moncho e, en realidade, okupamos o espazo transformándoo nunha sala de teatro. A historia daquela sala é un pouco a de Moncho, que era quen tiña os contactos: viñan compañías de todo o Estado e mesmo de Iberoamérica". 

A sala Carral tivo un grande éxito popular e enchíase en cada representación. Como mostra, Morris ensina un programa no que se anuncian, ademais de obras de Artello, funcións de O velorio, de Francisco Taxes, a cargo da compañía Troula da Coruña, un recital de Suso Vaamonde, ou o monólogo Eu, Maiakovski, que representaba o propio Rodríguez. 

"Era un grande actor e tamén un gran músico, tocaba varios instrumentos e cantaba moi ben. Tiña un gran poder de sedución, no escenario e fóra del", explica Morris. "Eu creo que empezou a dirixir connosco, deixando montaxes memorábeis como Picnic, de Fernando Arrabal, ou Tarará Chis Pum. Con el comezou o noso proceso de profesionalización". 

Aquela aventura chegou ao seu fin cando as autoridades, alarmadas pola astronómicas facturas de luz que chegaban da sala, ordenaron á Policía desaloxar o local. "Foi un momento épico, coa cidade chea de pintadas apoiando a sala Carral. Logo, a relación entre el e Artello cesou algo abruptamente, pero é difícil atopar unha figura nos inicios do teatro galego tan particular e vocacional como a de Moncho", conclúe Morris.

 

A compañía Luís Seoane 

Case inmediatamente despois, Rodríguez estaba integrado na Compañía Luís Seoane da Coruña. "Manuel Lourenzo, Miguel Pernas e mais eu comezáramos aquel proxecto", relata o director de escena Xosé Manuel Rabón, "e el integrouse un pouco despois, tocando e cantando nunha representación do Dansen de Brecht que apenas tivo repercusión. O verdadeiro acontecemento foi a presentación pública da compañía no Kiosko Alfonso da Coruña, en 1980, onde representamos As criadas de Genet, dirixida por Lourenzo, e Dous perdidos nunha noite suxa, de Plínio Marcos, dirixida por Rodríguez, unha montaxe que se lembra aínda pola súa calidade".  

O éxito da estrea -que levou a compañía ao Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto- conta Rabón, "consolidou a idea de que era posíbel manter unha compañía de repertorio en galego asociada a unha sala estábel: a Luís Seoane, que abriría en 1982". 

Mais Rodríguez non era unha persoa que aguantase moito no mesmo sitio. "Era un cu inquieto e decidiu volver ao Brasil a iniciar novos proxectos. Era un grandísimo director, coas ideas moi claras sobre o que quería e cunha enorme capacidade para comunicar as súas ideas aos actores e actrices e ao resto do equipo", resume Rabón. 

Brasil, Portugal, Galiza 

A partir de entón, Moncho Rodríguez desenvolveu a súa carreira, sobre todo, en Portugal, aínda que a inquietude e hiperactividade que lle atribúen todos os que o coñeceron fai difícil seguir con detalle unha traxectoria itinerante e chea de achádegos. Foi director artístico do Teatro Universitário do Porto, colaborou co Teatro Experimental do Porto e fundou a compañía Os Comediantes. Creou o Centro de Creatividade Póvoa de Lanhoso e a plataforma Fafe Cidade das Artes. Tamén foi director artístico do Teatro Oficina de Guimarães, onde deixou unha indelébel pegada con A Grande Serpente, un espectáculo no que participaron decenas de persoas e que significou a estrea de novos profesionais que hoxe son grandes figuras da escena portuguesa, como Vítor Hugo Pontes, José Eduardo Silva ou Joana Ji Antunes. 

Tamén traballou no Brasil, onde creou o Proxecto de Integración de Actores do Nordeste (Piane) e, en moitas ocasións, coordinou proxectos de intercambio teatral entre Brasil, Portugal e a Galiza, entre os que destacan o Encontro Pedagóxico de Teatro Infantil e Xuvenil, a Feira de Teatro e Formas Animadas de Bonecos en Portugal ou Ponte na... Escena, un encontro de teatro lusófono argallado entre Ponte nas... ondas!, a compañía Limiar Teatro e o proxecto de Rodríguez Fafe cidade das artes

Comentarios