LITERATURA

Falece García Márquez, o xenial narrador da "avoa galega"

O escritor colombiano -moi relacionado con Galiza, coa que tiña ascendencia familiar- morreu en México aos 87 anos. Foi Premio Nobel en 1982 e entre as súas obras destacan 'Cen Anos de Soidade' ou 'Crónica dunha Morte Anunciada'. "Galiza é un país moito máis mítico do que moitos galegos imaxinan", afirmou nunha crónica.

"A miña maneira de narrar é debida á maxia con que contaba as cousas a miña avoa galega". Esta é a confesión que máis dunha vez fixo Gabriel García Márquez, o escritor colombiano que faleceu este 17 de abril en Cidade de México, aos 87 anos de idade. Considerado o meirande representante do 'boom' das letras latinoamericanas no terzo final do século XX, acadou o Premio Nobel en 1982, após obras como 'Cen Anos de Soidade' ou 'Crónica dunha Morte Anunciada', así como diversa obra xornalística. A súa saúde xa era moi fráxil por mor do cancro, agravado nos últimos días por unha neumonía. Marcha así un xigante das letras e do "realismo máxico", un fenómeno único da literatura mundial

García Márquez visitou Galiza en tres ocasións, e malia a lenda sen concreción da que adoitaba rodearse, si tiña sangue galega, aínda que seguramente anterior á súa avoa. A súa intensa relación con este país protagoniza o libro 'A Galicia Máxica de García Márquez' (Xerais) recentemente publicado polo xornalista Carlos Reigosa.

O tamén coñecido como 'Gabo' relatou a súa primeira visita a Galiza en 1983 nun artigo no diario madrileño El País. Alí escribiu este parágrafo: "Choveu durante tres días, pero non dun xeito inclemente, senón con intempestivos espazos dun sol radiante. Porén, os amigos galegos non parecían ver esas pausas douradas, senón que a cada instante excusábanse pola chuvia. Talvez nin sequera eles eran conscientes de que Galicía sen chuvia tería sido unha desilusión, porque o seu é un país mítico -moito máis do que os propios galegos imaxinan-, e nos países míticos nunca sae o sol. (...) "Este tempo non corresponde á estación", insistían, sen lembrarse de Valle-Inclán, de Rosalía de Castro, dos poetas galegos de sempre, en cuxos libros chove desde o principio da creación e zoupa un vento interminábel, que é talvez o que sementa ese xérmolo lunático que fai distintos e amorosos a tantos galegos".

Comentarios