domingo 11/04/21

Pesar polo falecemento do actor e músico Esteban Yáñez aos 35 anos

A Associaçom Galega da Língua salienta que era "multifacético" como "militante da lingua, das artes e da comunicación". 
Esteban Yáñez.
Esteban Yáñez.

O actor, músico e activista Esteban Yáñez (Ferrol, 1984) faleceu esta terza feira en Compostela. 

Yáñez, moi activo nas esfera galega das redes sociais onde era coñecido como @Snob, participou do programa da TVG Xabarín Club na sección sobre banda deseñada Arroz Hacker, na súa infancia interpretou a Pepiño na serie Pratos Combinados da canle pública e na actualidade formaba parte do comité de redacción da revista Luzes, entre outras moitas andainas.

"Desde hoxe esta pasa a ser unha conta adicada a demostrar canto tantísimo pode chegar o covid-19 a mermar as habilidades cognitivas do doente", dicía no seu último chío, con data do 13 de abril. Levaba tempo enfermo, como el mesmo ía contando nas redes e recentemente resultara contaxiado polo coronavirus.

Era socio da Associaçom Galega da Língua (AGAL), que destaca que unha das súas grandes paixons foi a música e que durante um tempo integrou cun amigo o grupo Os Megaloves, co que deron concertos de pequeno formato nos que versionaban algúns dos seus grupos preferidos.

Na AGAL tamén salientan que era "multifacético" como "militante da lingua, das artes e da comunicación". Yáñez integraba a Comisión de Historia da Gentalha do Pichel, entre outras iniciativas.

Son moitas as que lamentan a súa marcha tan cedo, con tan só 35 anos, entre amizades e compañeiras do eido da cultura galega. 

 

comentarios