Contracultura

"En 'A Faia do Ponto' realizamos unha performance poético musical baixo árbores senlleiras"

Estevo Creus e Alba Cid, poetas, xunto con Xosé Miguélez, saxofonista, están detrás do espectáculo de poesía escénica 'A faia de Ponto', unha intervención que busca dialogar cos espazos naturais e os contextos onde se celebra.
O saxofonista Xosé Miguélez con Estevo Creus e Alba Cid, poetas (Foto: Nós DIario).
photo_camera O saxofonista Xosé Miguélez con Estevo Creus e Alba Cid, poetas. (Foto: Nós DIario).

—Como naceu este espectáculo?
Alba Cid: Desde a Central Folque convidáronnos a min e a Estevo a retomar as nosas voces poéticas desde unha historia de cabalarías, o romance de Ponthus e Sidonie. Isto acabou cristalizando nunha plaquette, dispoñíbel en librarías, coas ilustracións de María João Worm. Nunha segunda fase do proxecto, como a historia transcorre no bosque artúrico de Brocelianda (Bretaña), desenvolvemos unha performance poético musical baixo árbores senlleiras.

No fondo, o que facemos é propor unha especie de respiración conxunta ou de transmutación destas árbores na faia de Ponto, coñecida así ben porque este rei da Galiza a plantou ou ben porque se converteu nela, segundo a versión da lenda á que se chegue.

—Que papel xogan eses espazos naturais?
Xosé Miguélez: Para min como músico é moi estimulante porque o son que percibes do instrumento é moi diferente ao que estás acostumado, ben porque non hai rebote ou ben polo eco que xeran os espazos, como ocorreu cando o fixemos no Courel. Era como se eu tocase e a montaña respondese. Alba e Estevo tamén interactúan co espazo, pondo énfase en diferentes partes de maneira que cada espectáculo é diferente. Baixo o meu punto de vista é esa escenografía natural a que fai que toda a historia comece a cobrar máis sentido.

A.C.: Tamén cando o fixemos en O Fechiño (San Xoán de Fecha) tiñamos animais perto, ameazaba a chuvia e había gotas que caían de vez en cando, polo que isto que di Xosé ten moito sentido. Creo que hai algo de fascinante en que unha creación que está pensada para dialogar cunha árbore a miles de quilómetros de distancia siga contando algo de nós, por máis que nós a teñamos esquecida.

Hai unha poeta coreana estadounidense, Don Mee Choi, que sempre di que a poesía é o máis efectivo como linguaxe de resistencia. E precisamente a min, polo tipo de tradición poética na que me sinto recoñecida, hai unha tensión poética evidente e que ten esta concepción de resistencia nesta oscilación que se produce entre as lendas e as historias, na reescrita de algo que nos pode quedar tan lonxe e que debera ser próximo.

Estevo Creus: O traballo coa plaquette xa fora moi cómodo e o certo é que despois, levando a cabo esta interacción con Xosé e Alba, evolucionou a algo que require dunha escoita que non é doada mais que tamén se me fai moi cómoda. É moi bonito ver como cada vez que imos recitar ou amosar esta faia de Ponto é un momento e un espazo único onde traballar. Trátase de ver, de escoitármonos, e creo que cada vez que o facemos ese proceso de entendemento é mellor.

E o máis enriquecedor é que sexa un evento único. Estás aí e acontece algo, que vai ser completamente diferente ao que xorda noutro lugar e noutro momento temporal, aínda que as poéticas e as músicas poidan ser en algo semellantes, todo transmuta. E iso é o interesante de que o que facemos teña lugar no medio da natureza.

—Como é traballar a seis mans nun espectáculo así?
X.M.: A miña parte consiste nunha improvisación libre a saxofón só no medio dos recitados de Alba e Estevo, polo que teño bastante liberdade a nivel creativo. É unha experiencia moi diferente porque como saxofonista é pouco frecuente tocar así; os contextos nos que nos movemos son máis de grupo. E sumando iso ao distintos que son os espazos nos que nos situamos sempre é moi interesante ver a asociación que imos facendo coa natureza e as árbores, dando pé a que nós tamén nos comportemos diferente.

A.C.: Ademais, creo que Estevo e eu somos tremendamente distintos. A presenza escénica de Estevo sempre me parece impactante porque tamén ten un punto de improvisación no que se deixa levar. Para min, o máis fascinante é que activamos o lugar, intentamos que non sexa un decorado máis, senón que coas nosas pegadas definimos camiños que teñan sentido.

Comentarios