Evaristo de Sela, o home que invitou Homero á súa aldea

Agora que os medios utilizan a palabra "heroe" con tanta facilidade, é quizais momento de lembrar o heroico esforzo de Evaristo de Sela, o tradutor da Iliada e a Odisea ao galego, obras onde tamén se fala de heroes. Evaristo de Sela naceu en 1917 e foi autodidacta. Comezou a aprender grego clásico nos cárceres franquistas. Un libro, Homenaxe a Evaristo de Sela (Xerais), vén lembrarnos a vida e a obra deste helenista e poeta, por boca de familiares, amigos e estudosos da filoloxía clásica.
Evaristo da Sela
photo_camera O helenista e poeta Evaristo de Sela.

Homenaxe a Evaristo de Sela (1917-1994), o libro que vén de publicar Xerais, preséntanos, desde a imaxe de portada, unha persoa tan descoñecida como valiosa e poderíase dicir que exemplar. As fotografías de Evaristo, que en realidade se apelidaba González Fernández e que naceu en Sela no concello de Arbo, realizadas moitas delas nos anos 50 e 60, cunha estética que remite a un tempo de formalidades e orde, poden non mover hoxe á curiosidade. Tamén os estudos e as obras clásicas poden soarnos lonxe ou resultarlle pouco atractivas a moitos lectores. Non obstante, convén superar eses prexuízos.

Este libro ofrécenos os traballos de doce persoas achegadas a el, a filla, antigos colegas de instituto, especialistas en linguas clásicas ou veciños como Agapito Valado, coidador da súa memoria na súa terra natal. E faino por orde alfabética de autores, o que inevitabelmente desorienta o lector que se encontra con traballos filolóxicos ou de certa erudición antes que con outros que nos falan da vida do autor ou que nos fan unha miscelánea imprescindíbel da súa obra.

É aconsellábel polo tanto, acudir antes de nada ao índice e lelo deixando os traballos máis especializados para o final, cando un xa ten noticia do que Evaristo de Sela se propuxo facer desde moi novo e das enormes dificultades que tivo para conseguilo antes de acadar o éxito final. En palabras de Alonso Montero: "O que comezou sendo o soño filolóxico dun preso franquista de vinte anos converteuse, ao final da súa vida, nun feito literario que é unha proeza na historia das Letras galegas". 

Neno de aldea, fillo dunha labrega e dun home que arranxaba reloxos, coidador de cabras e lector da enciclopedia que con esforzo lle mercara o seu pai, tivo sempre un interese profundo polo coñecemento. Conseguiu estudar catro anos no seminario de Tui e posteriormente dous máis en Bélxica como novizo nun colexio dos xesuítas. Con todo, deixa pronto o camiño da Igrexa, aínda que cuns certos coñecementos adquiridos de latín e humanidades, pero moitos menos de grego.

Con dezanove anos fai o servizo militar voluntario en Pontevedra. Ao producirse o golpe, deserta, pasa a Portugal con outros soldados pero é detido en Monção e entregado aos franquistas. Condenado a cadea perpetua por un Consello de Guerra, permanece seis anos, entre 1936 e 1942, en diversas prisións. Alí, como para afastarse daquel mundo, dedícase á meditación e á reflexión intimista, escribe poemas e afonda no estudo do grego e dos autores clásicos. Esa clase de libros, que utiliza para formarse, non estaba prohibida.

"Chino, rojo"

Ao ser liberado comeza a dar clases, sen papeis debido aos seus antecedentes, en varios colexios de Vigo. É un traballo mal pago ao que se dedica non obstante con enorme dedicación e paciencia. Nun deses colexios, ao chegar á aula, o primeiro que facía era borrar o que estaba escrito no encerado: "Chino, rojo". 

O de chino era pola forma dos ollos. Todos os días o mesmo. El limitábase a borrar e comezaba a dar a clase.

Carme Blanco comenta que "o medo habitual nel, converteuno nun home calado, submiso, incapaz de alzar a voz". Pero, ao mesmo tempo, como conta a súa filla, Stella Maris, non deixa de aprender, reúne ducias de carpetas, cadernos, libros anotados, intentos de tradución, estudos etimolóxicos de moitas palabras. Foi autodidacta en grego, francés, alemán, inglés e italiano.

En 1955, con 38 anos feitos, queda libre dos antecedentes penais e, como lembra a súa filla, chega a casa eufórico: "Teño as portas abertas, teño as portas abertas". Nunca volveu velo, di, con esa ledicia e con esa ilusión.

Deixa de ser profesor sen papeis e empeza a súa carreira contrarreloxo. Remata os estudos universitarios en 1960 e comeza a dar clases nos institutos. Nunca deixa de escribir poemas. Un dos temas que trata é a emigración. En 1972 escribe "Un galego caeu", dedicado a Amador e Daniel, obreiros mortos en Ferrol. Xa lle dedicara un a Ferrín, cando fora preso un ano antes.

O 20 de novembro de 1975, nada máis asegurarse da morte de Franco, vomita versos en contra do ditador, como expresando un sentimento longos anos ancorado. "Nese intre, soamente nese intre –escribe Carme Blanco– sentiu que acabara a súa prisión". Até o 2007 non se publicará o seu libro Versos de preso e outras rimas, no que se recollen poemas seus de toda esa época.

Xubílase como catedrático de grego no instituto San Tomé de Vigo en 1985. Ese mesmo ano crea a Asociación de Amigos de Grecia, entidade que organiza conferencias sobre a cultura e a lingua que tanto ama. E ao final dos cursos –lembra Dolores Losada– "unha cea grega con mezetahkia (entremeses), psári (peixe), musaka e viño grego". Tamén dá clase de grego moderno, de forma altruísta, no instituto no que se xubilou. Morre en 1994, dous anos despois de que se editase a Odisea e sen ver recoñecidos os seus méritos. 

Obra ampla e descoñecida

Ademais da súa propia poesía, escrita en galego e castelán e en condicións moi anormais como se dixo, Evaristo de Sela fixo outras traducións do grego clásico. Traduciu a Demóstenes, por exemplo. Tamén se sentiu atraído polas Bucólicas de Virxilio, escritas en latín clásico, e das que fixo unha recreación en Boieiras, aquí analizada por Xosé Abilleira. E se a tradución da Iliada non se publicou até 1990 non foi pola súa culpa. En 1977 publicara xa os tres primeiros cantos en Edicións Castrelos, pero a continuidade do proxecto non resultou economicamente viábel.

Evaristo de Sela viaxou en varias ocasións a Grecia. Ás veces, ante algún dos grandes monumentos, os visitantes seguíano a el, en vez de seguir os guías, polos amplos coñecementos que demostraba. Interesado tamén pola poesía grega moderna, traduciu a Kavafis e a dous premios nobel, Yorgos Seferis e Odyseas Elytis, textos inéditos moito tempo até que a súa filla os rescatou nunha edición póstuma. Na súa Poesía neohelénica (1708-1977), de carácter bilingüe, recolle os poemas que máis o marcaron.

Por último, como lembra Ferro Ruibal nun dos apéndices do libro, cómpre dicir que a lingua galega, no seu esplendor medieval, xa coñeceu a historia de Homero, a través da Crónica Troiana, traducida ao galego, en 1373, a partir de Roman de Troie, novela escrita en romance francés, a meados do século XII, que adapta e resume a Iliada e, en menor medida, a Odisea.

se recollen poemas seus de toda esa época. Xubílase como catedrático de grego no instituto San Tomé de Vigo en 1985. Ese mesmo ano crea a Asociación de Amigos de Grecia, entidade que organiza conferencias sobre a cultura e a lingua que tanto ama. E ao final dos cursos –lembra Dolores Losada– "unha cea grega con mezetahkia (entremeses), psári (peixe), musaka e viño grego". Tamén dá clase de grego moderno, de forma altruísta, no instituto no que se xubilou. Morre en 1994, dous anos despois de que se editase a Odisea e sen ver recoñecidos os seus méritos. 

Obra ampla e descoñecida Ademais da súa propia poesía, escrita en galego e castelán e en condicións moi anormais como se dixo, Evaristo de Sela fixo outras traducións do grego clásico. Traduciu a Demóstenes, por exemplo. Tamén se sentiu atraído polas Bucólicas de Virxilio, escritas en latín clásico, e das que fixo unha recreación en Boieiras, aquí analizada por Xosé Abilleira. E se a tradución da Iliada non se publicou até 1990 non foi pola súa culpa. En 1977 publicara xa os tres primeiros cantos en Edicións Castrelos, pero a continuidade do proxecto non resultou economicamente viábel. Evaristo de Sela viaxou en varias ocasións a Grecia. Ás veces, ante algún dos grandes monumentos, os visitantes seguíano a el, en vez de seguir os guías, polos amplos coñecementos que demostraba. Interesado tamén pola poesía grega moderna, traduciu a Kavafis e a dous premios nobel, Yorgos Seferis e Odyseas Elytis, textos inéditos moito tempo até que a súa filla os rescatou nunha edición póstuma. Na súa Poesía neohelénica (1708-1977), de carácter bilingüe, recolle os poemas que máis o marcaron. Por último, como lembra Ferro Ruibal nun dos apéndices do libro, cómpre dicir que a lingua galega, no seu esplendor medieval, xa coñeceu a historia de Homero, a través da Crónica Troiana, traducida ao galego, en 1373, a partir de Roman de Troie, novela escrita en romance francés, a meados do século XII, que adapta e resume a Iliada e, en menor medida, a Odisea.

Poucas vidas, como a de Evaristo de Sela, poderían ser resumidas en tres frases. A primeira cando, na aldea, teimaba en dicirlle á súa familia e amigos "eu quero estudar", o que tiña o seu mérito nun ambiente e nunha época moi difíciles para lograr ese obxectivo. De feito el foi sempre un autodidacta. A segunda en 1936, cando facendo a mili en Pontevedra, viu como un tenente sublevado disparaba contra un home inocente que escapaba cos brazos en alto pola Alameda. "Aquilo arrepioume", dixo despois Evaristo. Foi a razón de que decidise desertar e fuxir a Portugal, onde foi detido e entregado aos franquistas, o que o levou a pasar seis anos no cárcere. A terceira frase é o sentido da súa vida: "Facer falar a Homero na lingua de Galicia". O resultado son eses 27.903 hexámetros traducidos ao seu "galego pulcro, axeitado e fermoso", en palabras de Alonso Montero. Lingua que non era outra que a fala da súa aldea. Unha vida en tres frases

Bois, ovellas e guionistas de Netflix

A publicación en 1990 da Iliada e dous anos despois da Odisea, por parte do Consello da Cultura, marcou un punto de chegada nas capacidades expresivas da nosa lingua.

O galego considerado durante anos un idioma vulgar, suposto dialecto do castelán ou fala exclusiva de campesiños, gañou prestixio coa tradución destas e doutras obras emblemáticas como a Biblia, o Quixote ou ultimamente o Ulises de Joyce. A lectura de calquera delas en galego en nada desmerece á que se poida facer en castelán ou en francés. E aí están para quen queira comprobalo.

Pero ademais, a lectura destes libros clásicos trae outra sorpresa. As numerosas descricións que Homero intercala fálannos de porqueiros, da forza dos bois, das ovellas, dos bosques, dos sentimentos da mocidade e da vellez. A tradución contribúe así a achegarnos mundos que críamos máis distantes.

Polo demais, as batallas e as aventuras dos heroes, nunca nos foran estrañas. Forman parte da raíz da narrativa occidental e son ben coñecidas polos guionistas de Netflix

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios