Contracultura

Eva Mejuto: "A realidade actual do colectivo só é posíbel pola xente que puxo antes a cara e o corpo por nós"

Eva Mejuto, xornalista e escritora, vén de recibir dous premios Follas Novas, na categoría de libro xuvenil e na de divulgación, polas súas obras 'A ladroa da biblioteca de Meirás' e 'Memoria diversa', respectivamente.
A escritora e xornalista Eva Mejuto (Foto: Do Martínez).
photo_camera A escritora e xornalista Eva Mejuto. (Foto: Do Martínez)

—Finalista en tres categorías e con dous premios Follas Novas. Cales son as sensacións?
Evidentemente hai unha satisfacción enorme como autora, mais hai algo que está por enriba. O que me satisfai é a visibilidade que conseguen este tipo de proxectos grazas a estes premios, porque non deixan de ser unha maneira de pór o foco na produción e nas distintas iniciativas de mediación lectora. Ás veces, acontece nas librarías que o que xa non é novidade deixa de estar visíbel, polo que hai obras que pagan moito a pena que pasan desapercibidas. E non o digo polas miñas, falo en xeral, é unha reflexión sobre o ritmo de produción editorial. 

Un libro non é un produto de consumo breve e rápido e, ao final, este tipo de premios axudan a parar, a facer unha reflexión, a botar unha ollada e a ler os que quedaron atrás. Por iso tamén me gusta acompañar os libros. Escribir e publicar está moi ben, mais estar nunha escola, ir a unha asociación cultural ou a un centro de día dá algo máis importante: estar presente e manter un diálogo coas lectoras. 

—Ao final, tanto A ladroa da biblioteca de Meirás como Memoria diversa tratan a liberdade e a represión, mais con enfoques diferentes
Claro, é un non estar a gusto co mundo no que estás e procurar a liberdade de distintas maneiras. A protagonista do primeiro rouba libros como maneira de vingarse, mais tamén porque ve os libros como ese espazo para mudar a túa vida, que é o tema de Cando leo, o outro libro que quedou finalista. Eu son a mesma e o que quero contar dalgunha maneira busca distintas formas, mais os meus intereses e as miñas inquedanzas están aí. Creo que dentro do meu proxecto como autora é central o tema da memoria e da realidade LGBTIQA+ e nos dous libros premiados hai unha conxunción das dúas cousas. 

A idea de A ladroa da biblioteca de Meirás partiu cando vin Carlos Babío presentar Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, un libro cunha documentación magnífica que foi utilizado para o xuízo que axudou a gañar o pazo para o pobo. Cando vou a institutos vexo que hai pouco coñecemento sobre esa parte da historia e é fundamental que se coñeza para entender como é hoxe o noso país. Nós somos a causa de, por culpa de ou a consecuencia da historia dos últimos anos. 

O franquismo condiciona enormemente o que é hoxe a nosa sociedade, é cuestión de como eramos, como somos e como queremos ser. E creo que a literatura serve para encher os ocos que deixa a historia oficial ou a dos libros de texto, sobre todo no que se refire ás persoas. 

—Un dos problemas é que as persoas que gardan esa memoria ou que participaron dela van falecendo
Penso que é importante ver a memoria como unha forma de estabelecer pontes. No día do Orgullo temos o referente de Stonewall ou Madrid e esquecemos a manifestación tan potente que houbo en Vigo en 1981. 

A xente nova dos colectivos ten que saber que o que se está a facer agora é posíbel grazas a que hai quen o fixo antes, que hai quen puxo a cara e o corpo por nós. Memoria diversa recolle as historias desas persoas que viviron a ditadura e a transición, que foron á cadea por ser, pola súa identidade ou a súa orientación, porque creo que a conexión entre xeracións non existe de maneira directa e é importante para que estas persoas vexan o seu esforzo recoñecido. 

Unha das entrevistas que máis me impactou foi a de Trinidad Falcés, unha muller trans da Galiza que estivo fóra e volveu. Estivo na primeira manifestación do Estado español, en Barcelona, e era memoria viva do colectivo. Foi unha muller que levou unha vida moi dura e ela estaba moi orgullosa de saír no libro, mais por desgraza faleceu ao pouco de saír publicado. 

Creo que hai moita dignidade que devolverlle a persoas como ela e creo que este tipo de iniciativas axudan á reparación mínima do que se lles roubou.

Comentarios