martes 26.05.2020
Primeira longa de Diana Toucedo

Estrea en salas 'Trinta Lumes', un achegamento ao Courel no bordo do irreal

Trinta Lumes conta a historia de Alba, unha rapaza do Courel que na tardiña dun día de outono entra en contacto co invisíbel. A primeira longametraxe de Diana Toucedo (Redondela, 1983) transita entre o real e a fantasía para falar sobre a construción do mito, a extinción ou o traballo. Proxectada e premiada en non poucos e importantes festivais, esta sexta feira estréase en seis salas galegas e tres do resto do Estado.
 

Fotograma de 'Trinta Lumes'. Imaxe: cedida.
Fotograma de 'Trinta Lumes'. Imaxe: cedida.

Toucedo, montadora de profesión, tardou varios anos en rodar o filme. O seu achegamento documental ao Courel foi aos poucos contaminándose do irreal, do invisíbel, da ficción popular. Cunha adolescente de 13 anos como protagonista e unha compañía de actores non profesionais cuxa confianza gañou co tempo, a cineasta elabora unha obra delicada en que o abandono e o despoboamento determinan a paisaxe.

Foto_DianaToucedo 2018

Producida por Lasoga Films, empresa galego catalá, e pola propia cineasta, Trinta Lumes recibiu achega económica de Agadic para “producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e para a promoción e difusión en festivais e mostras de prestixio internacional”. A de Toucedo viuse, entre outros, no de Berlín, no de Málaga ou no Toulouse Cinespaña.

A partir desta sexta feira, 8 de febreiro, Trinta Lumes chega aos cinemas. Estará nos Cantones da Coruña, nos Central da Estrada, nos Dúplex de Ferrol, no Codex de Lugo, na sala Numax e nos Norte de Vigo. Máis alá de Galiza, haberá pases nos Cinemes Girona de Barcelona, no Espai Funatic de Lleida e no Círculo de Belas Artes de Madrid. A algunhas destas proxeccións -na Coruña, Lugo, Santiago e Vigo- asistirá a propia directora.

O número actual do semanario Sermos Galiza (333) publica unha entrevista con Diana Toucedo.

Nota: a cineasta Diana Toucedo. Foto: cedida.

comentarios