CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Estiu 1993

estiu1
photo_camera Un fotograma do filme

ESTIU 1993

(Catalunya 2017, 97 min.) 

Dirección e guión: Carla Simón

Fotografía: Santiago Racaj

Música: Ernest Pipó

Elenco: Laia Artigas, David Verdaguer, Bruna Cusí, Paula Robles, Etna Campillo, Jordi Figueras, Paula Blanco, Josep Torrent, Berta Pipó, Cristina Matas

SINOPSE

Tras da morte da súa nai, Frida afronta o seu primeiro verán cunha nova familia adoptiva.

CRÍTICA

Tras triunfar na Berlinale (Mellor Ópera Prima), en Buenos Aires (Mellor Directora) ou no Festival de Málaga (Mellor Filme e Premio da Crítica) puidemos gozar aquí pertiño, antes da estrea en salas comerciais, do debut cinematográfico da catalá Carla Simón. Estiu 1993 fechou a primeira xornada do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra “Novos Cinemas” cunha ovación unánime dun auditorio entregado que se negou marchar tras os títulos de crédito. O filme naceu da necesidade persoal da propia directora, que tamén firma o guión; esta nova promesa (con maiúsculas) cursou estudos en Barcelona e rematounos en California, é alí onde xesta a idea de contar a súa propia experiencia persoal: o proceso de consciencia da perda da nai e a adaptación a unha nova familia por parte dunha nena pequena. Unha auténtica catarse autobiográfica na que, obviamente, hai unha importante carga dramática subxacente á temática dun filme destas características, mais Carla Simón consegue darlle a volta: deixa o drama de pano de fondo e realiza unha deliciosa comedia cunhas cativas en verdadeiro estado de graza. Sen desmerecer ás actuacións de Bruna Cusí e David Verdaguer, que fan os roles de pais adoptivos, as verdadeiras estrelas de Estiu 1993 son as pequenas Paula Robles (Anna) e Laia Artigas (Frida). Impresionante traballo de dirección para acadar tal grado de compenetración e naturalidade destas dúas crianzas. Sorprendente como Laia Artigas aguanta coma se nada o peso abafante dunha cámara extremadamente próxima, case na caluga, que soporta durante gran parte do filme. Unha arriscada decisión técnica de cámara ao ombreiro sen zoom bastante parecida ao que acontecía n’O fillo de Saúl (2015, László Nemes) aínda que en menor medida e, por suposto, sen a terríbel opresión e desasosego que transmitía aquela. Igual de sorprendente é o da simpática Paula Robles, aínda máis cativa que a súa medio irmá Frida. Malia levar un rol secundario, e apenas saber falar (e moito menos escribir) acaba por se facer con cada escena na que aparece: adorábel e incriblemente metida no seu papel. Segundo palabras da propia directora, conseguir que as nenas fixesen o que ela quería tivo moito de “improvisación controlada”. Moitos meses de preparación previa coas nenas fixeron posíbel o pequeno milagre cinematográfico que logo queda plasmado na pantalla. Pero a cousa non queda só en meras actuacións memorábeis das rapazas, o filme ten moito máis. Destaca a milimetrada e perfeccionista montaxe que axuda a transmitir todos os matices de emocións abstractas que sente unha nena de tan corta idade ante situacións tan novas e tan complicadas de asimilar como as que narra Estiu 1993. Tanto as decisións formais, as técnico-artísticas ou os cambios de guión que se tiveron que adaptar sobre a marcha ás circunstancias de traballar con nenas pequenas, semellan sentarlle como unha luva a esta historia cargada de matices, descubrimento infantil, inocente crueldade, ambigüidade, relacións familiares e nostalxia, moita nostalxia... atención aos detalles que sitúan á historia no espazo temporal dos 90. Marabilla. E que dicir do clímax final... inesquecíbel.

Comentarios