Que facer?

Esta fin de semana arranca o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

O comezo do FIC Bueu marca unha fin de semana chea doutras propostas. Eis tendes un guieiro para vos achegardes a elas!

publico
photo_camera Público asistente a unha proxección nunha edición anterior do FIC Bueu

11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

Bueu

Centro Social do Mar

Desde a sexta feira 7 até o domingo 15 de setembro.

Un espazo de difusión da cultura cinematográfica que pon en diálogo o local co internacional, nun programa que inclúe a proxección dun cento de curtas e múltiples actividades paralelas.

 

Festival 85C

Vigo

Diversos espazos

Sexta feira, sábado e domingo

A cidade de Vigo acolle a III edición do 85C, un festival que nace co obxectivo de dar a coñecer a arte das mulleres. O programa, que se estende ao longo de tres días, vinte e cinco locais e máis de oitenta artistas, inclúe, entre outras moitas actividades, performance, danza, concertos, proxeccións, obradoiros, recitais de poesía e faladoiros.

 

Commedia

Compostela

Teatro Principal

Sábado

20.30h

Contraproducións trae á actualidade un dos espectáculos máis exitosos do teatro galego, Commedia, un xoguete para Goldoni, estreado en 1993 na MITR.

 

Manuel María, Memoria da Chaira Enteira

Terra Chá

Diversos espazos

Sábado

A Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María lembran o cabodano do escritor chairego este sábado 8 de setembro. O acto, arroupado co Canto da Irmandade e o Himno Galego a cargo de Mero, contará cun xantar de irmandade (previa inscrición) máis actos literarios e musicais. A entrega das Navallas de Manuel María a Branca Rodríguez Pazos e a Moncho Valcarce, este último a título póstumo, será ás 19.30h na carballeira de Santa Isabel, nunha cerimonia dirixida por Marica Campo, David Otero e Mero Iglesias.

 

Petiscos Musicais

Allariz

Fundación Vicente Risco

Sábado

21.00h

Un ciclo anual cunha grande acollida entre os amantes da música de cámara, desta volta a cargo do Dúo Adagio con Lorena Blanco (piano) e Roberto Miguéns (clarinete).

 

V Foliada do Bosque

Carballo

Bosque do Añón

Sábado

A música e o baile tradicional danse cita, grazas á participación de diferentes asociacións culturais do municipio, cos xogos tradicionais para crianzas e o I Aberto de Billarda.

 

Espazos Sonoros

Baiona

Ex-colexiata de Santa María

Sábado

20.30h

O conxunto Capella Sancta Maria, dirixido por Enrique López-Cortón, recupera "Tristezas me matan", unha peza inspirada nunha das primeiras misas de Cristóbal de Morales.

 

Moncho Valcarce: Unha vida de compromiso

Museo do Pobo Galego

Compostela

Até 16 de setembro

Acóllese unha mostra sobre a vida de Moncho Valcarce, que dá conta da traxectoria que marcou o seu compromiso coas labregas e cos labregos no contexto das loitas agrarias.

 

Concerto benéfico a prol de Down Compostela

Compostela

Auditorio de Galiza

Sexta feira

20.30h

Duobitatio (Rosalía Gómez Lasheras e Antonio Viñuales) ofrece un concerto solidario que fai parte dos actos conmemorativos do 21 aniversario da Fundación.

 

 

Comentarios