Albums de aquí e acolá / Alberte Samesugas

“O de Espiño é un gran disco para iniciar unha carreira en solitario”

O baixo de Alberte Leis é un elemento central nalgunha das propostas de alta enerxía máis salientábeis da música galega. Pioneiro do hardcore en Dirty Barriguitas, na actualidade sostén Samesugas, punk e rock & roll de repercusión internacional. E, nun xiro inesperado dos acontecementos, practica o formato acústico en Os Novos e na Ukestra do Medio.
 

samesugas
photo_camera A banda punk Samesugas. Alberte Leis é o primeiro pola esquerda.

Na súa escolla para Albums de aquí e acolá, Alberte Samesugas menciona outro habitual, e pioneiro, da escena musical compostelá. “O disco de Espiño é un grande inicio para unha carreira en solitario”, afirma. Refírese a I, publicado o pasado ano, de Alfonso Espiño, cuxo currículo abranxe bandas como Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit e Los Chavales. De todas elas hai rastro no traballo elixido por Leis.

espiño - i (cuberta, 2017) 2

I ten un pouco de toda a historia do que fixo Afonso”, explica, “desde a psicodelia máis dura [de Mega Purple] ate cousas máis anos sesenta, ou power pop”. E cantado, por primeira vez, en galego. “Gústanme os discos galegos cantados en inglés”, di Alberte Samesugas, “mais este está en galego e é moi bo”. Quen, para ilustrar a súa querenza saxoa, tamén nomea o dúa pontevedrés de blues punk Thee Blind Crows.

Ovni sobre o Val do Dubra, Sen dúbida, Florinda, Engaiolante enfeitizante son algúns dos títulos creados por Espiño, amais investigador académico sobre a música pop galega. “I é un bo resumo da súa vida musical”, insiste.

Entre Samesugas -que traballan nun novo disco, o primeiro desde They Are Out There de 2011- e Fun House (1970), de The Stooges, existe certa conexión sonora. “É un clasico, cheo de temazos como Tv eye”, xustifica o baixista a súa decisión, “e xa o seu comezo, Down on the street, é impresionante”.

the stooges - fun house (cuberta, 1970) 2

A súa relación coa música vai alén da habelencia instrumental e lembra como o segundo disco dos Stooges, a banda de Iggy Pop, soaba unha vez e outra nun dos pubs clásicos do punk compostelán, o Bartolo, onde traballaba. “Nunca fallaba”, fai memoria. Na súa elección internacional hai un finalista, os xaponeses Thee Michelle Gun Elephant que na mudanza de século inxectaron octanaxe eléctrica a un cruzamento entre The Who e Dr. Feelgood.

Fundador da discográfica e distribuidora Lixo Urbano, con Os Novos continúa presentando o seu EP Assalto Acústico (2017), con colaboracións de Caxade e da Ukestra do Medio, o outro proxecto -unha banda de ukeleles- en que o laborioso Samesuga anda enleado. “Os directos en acústico son outra cousa, sobre todo para os que levamos toda a vida no barullo”, conclúe.

Comentarios