Organizada pola Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia

A Escola das Letras iníciase co taller 'Tod@s temos unha historia que contar'

Na segunda feira botou a andar o primeiro dos obradoiros que integran este 2021 a Escola das Letras que organizan Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra. Logo de que a edición de 2020 tivese que ser adiada até o último trimestre do ano, conversamos coa persoa que fechou a primeira edición e abre agora esta, a escritora Inma López Silva.
inmalopezsilva
photo_camera A escritora Inma López Silva imparte o primeiro obradoiro. (Foto: Nós Diario)

Esta segunda feira botou a andar en Vigo a segunda edición da Escola das Letras, que organizan a Deputación de Pontevedra e mais a Editorial Galaxia. A encargada de abrir este novo curso da escola, que polo de agora decorrerá só de modo telemático, foi a escritora Inma López Silva.

A autora, que fechara a primeira edición, trae agora o taller “Tod@s temos unha historia que contar”, que decorre os días 15 e 22 de marzo; 12, 19 e 26 de abril; e 3, 10 e 24 de maio.

En cada aula virtual vai haber un máximo de 15 persoas, mais o obradoiro decorrerá tamén desde a sede da Deputación na cidade de Pontevedra a partir da cuarta feira 17 de marzo, e os días 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril; e 5, 12 e 19 de maio.

En conversa con Nós Diario, Inma López Silva explicou que "'Tod@s temos unha historia que contar' consiste nun percorrido polos elementos que son necesarios para contar unha historia en formato narrativo".

"Imos facer exercicios prácticos arredor de todos os factores estruturais que fan falla para estruturar un argumento, desde o propio medo ao papel en branco até o deseño das personaxes, ou como se organizan os espazos, ou que tipo de finais podemos realizar", explica a escritora, que insiste en que "do que se trata é de que a xente escriba e de que ao final do obradoiro o alumnado teña todo un arco de ferramentas para construír un bo relato, ou un relato breve, unha boa novela...".

En relación co formato en liña dos obradoiros, a autora, que xa realizou o seu taller da primeira edición da Escola das Letras deste modo, Inma López Silva reflexiona: "É pracenteiro, pero non é o que debía ser, porque cando estamos a falar de actividades creativas hai algo na presenza de todas as outras que te retroalimenta".

"Pérdese un pouco de comunicación mais tamén aprendemos a mirarnos doutro modo, con outra atención", engade López Silva.

Sobre o que agarda do taller, afirma que "estas cousas acaban formando parte dun proceso que ten que ver co aprender da lingua galega, que é aprender e ensinar".

"Eu podo pór unha serie de ideas da creación literaria mais as persoas que están do outro lado tamén son autoras pondo aí a súa creatividade, e xa non é só un obradoiro senón un espazo de literatura".

A Escola oferta seis cursos impartidos por Antonio García Teijeiro, Anna R. Figueiredo, Diego Giráldez e Elvira Ribeiro Tobío. Todos os obradoiros están completos e con listaxes de agarda, que permanecen abertas a novas inscricións.

Comentarios