Xerais celebra os seus cuadraxésimos premios, que recaen en María Reimóndez, Pedro Feijoo e Leticia Barbadillo

María Reimóndez, con 'Furia'; Pedro Feijoo, con 'Ninguén contará a verdade', e Leticia Barbadillo, con 'A botella de lentellas', os gañadores dos galardóns que se entregaron este sábado.
Entrega dos Premios Xerais, este sábado, no Parador de Baiona. (Fotos: Xerais)
photo_camera Entrega dos Premios Xerais, este sábado, no Parador de Baiona. (Fotos: Xerais)

Xerais celebrou esta mañá a súa festa anual de entrega dos seus premios, que alcazan neste 2023 a 40ª edición: o Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Este ano o galardón na categoría de novela foi para Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo; en novela xuvenil, para Furia, de María Reimóndez, e en literatura infantil, a elixida foi A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo. O acto, presentado pola xornalista Susana Pedreira, decorreu no Parador de Baiona para conmemorar as corenta edicións do Premio Xerais de Novela e voltando así a un dos lugares que acolleu algunhas das primeiras edicións da festa.

O director da editorial, Fran Alonso, recordou a "diversidade de obras" que compoñen o palmarés do Premio Xerais de Novela, unha diversidade que é o "espello dunha narrativa plural, rica e vital". Do mesmo modo, Alonso fixo referencia ás orixes dos galardóns mencionando Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, "o primeiro título que acadou o recoñecemento social e cultural que o premio procuraba". No seu discurso tamén aproveitou para salientar que a vocación de Xerais "é a de seguir turrando do libro galego, continuar sendo motor de modernización, seguir sendo peza clave na aposta e na innovación empresarial e continuar abandeirando un constante diálogo coas lectoras e lectores".

Pedro Feijoo recolleu o XL Premio Xerais de Novela por Ninguén contará a verdade agradecendo o contacto co público. "Unha das cousas bonitas do Xerais é que sempre buscou un diálogo co lector, que sabiamos que estaba ao outro lado", indicou. María Reimóndez, galardoada co XV Premio Jules Verne por Furia, confesou que "escribir este libro foi como levar un golpe no fígado", e agradeceu o conforto que supón saber que "hai alguén na esquina do ring". Por último, A botella de lentellas é a primeira obra de Leticia Barbadillo e valeulle para levar o Premio Merlín de Literatura Infantil. A autora centrou o seu discurso en agradecer as persoas que a axudaron e a inspiraron no proceso de escrita e dedicou o premio a algunhas das mestras que tivo ao longo dos anos.

"A literatura galega dos últimos anos non se entende sen os Premios Xerais", salienta a editorial. Os galardóns chegan á súa cuadraxésima edición cun palmarés "que abarca unha ampla diversidade de historias, da novela histórica ao thriller, pasando pola novela negra, obras intimistas, policiais ou de aventura". "O premio Xerais é un referente para autoras e autores, pero tamén para as persoas lectoras que agardan por el todos os anos", engaden.

Trátase dun galardón consolidado e cunha traxectoria que inclúe 39 novelas, xa que na edición de 1993 quedou deserto. O primeiro Premio Xerais estreouse en 1984 e recaeu na obra Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa. O thriller, que ten como protagonista o detective Nivardo Castro, acaba de ser relanzado na colección 'Peto' de Xerais e considérase un verdadeiro best-séller, ademais de iniciar o xénero policial na literatura galega, tan presente a día de hoxe.

Os datos de vendas das novelas premiadas son "de récord". Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana; Morning Star, de Xosé Miranda, e Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa son as tres novelas máis vendidas da historia dos premios. A primeira delas suma máis de 55.000 exemplares vendidos dende que se publicou en 1989. A obra de Miranda, premiada en 1998 leva vendidos perto de 32.000 exemplares e a de Carlos G. Reigosa, 23.849. "Estes datos dan unha idea da relevancia que lles dan as lectoras e lectores ás novelas que conseguen o Premio Xerais", subliñan.

Un dos elementos definitorios dos Premios Xerais é a composición do xurado. As persoas que escollen cada ano as obras gañadoras son lectoras e lectores que non teñen relación profesional co ámbito editorial: profesorado, membros de clubes de lectura, libreiras, persoas que crean contido sobre libros en redes, xornalistas...

Ademais, as persoas que os conforman cambian cada ano. Neste senso, o director de Xerais destacou que unha das singularidades que fan especiais os Premios Xerais reside "na forza dos lectores e na naturalidade duns xurados non profesionais constituídos por persoas apaixonadas pola lectura que adoitan gozar coa intensa experiencia en que os embarcamos".

Comentarios