O Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza volve a Ribeira en 2025

O evento decorrerá entre os días 17 e 20 de xullo do vindeiro ano

Representantes de Culturmar, da REI Confraría da Dorna e do Concello de Ribeira, onte, na asemblea da Federación. No Centro, José Manuel Segade, presidente da Confraría da Dorna, José Luís Sacau, presidente de Culturmar, e Luís Pérez, alcalde de Ribeira. (Foto: Culturmar)
photo_camera Representantes de Culturmar, da REI Confraría da Dorna e do Concello de Ribeira, onte, na asemblea da Federación. No Centro, José Manuel Segade, presidente da Confraría da Dorna, Xosé Luís Sacau, presidente de Culturmar, e Luís Pérez, alcalde de Ribeira. (Foto: Culturmar)

O Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza volverá a Ribeira (O Barbanza) no ano 2025. Así o acordou por unanimidade a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) na asemblea decorrida este sábado, 9 de marzo. A XVII edición deste evento terá lugar entre os días 17 e 20 de xullo de 2025.

O proxecto foi presentado ante a asemblea de Culturmar por un grupo de integrantes da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira, encabezado polo seu presidente, Juan José Segade, e polo alcalde ribeirense, Luís Antonio Pérez Barral.

Cartel o I Encontro de embarcacións tradicionais, decorrido en Ribeira en 1993.
Cartel o I Encontro de embarcacións tradicionais, decorrido en Ribeira en 1993.

Na presentación, o equipo promotor do proxecto fixo unha ampla exposición das oportunidades que ofrece a capital do Barbanza para a promoción e divulgación da cultura marítima. Ademais, pondo a vista atrás, lembraron o feito histórico de que foi precisamente en Ribeira onde decorreu no ano 1993 o primeiro Encontro, comezo dunha xeira de éxito que en 2025 fará 32 anos de vida.

O encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.

A celebración do mesmo, que ten carácter bianual desde 1993, ten por obxecto principal pór de manifesto a riqueza do noso patrimonio marítimo e fluvial e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para ciudadanía e visitantes da vila que os acolle.

A este evento están convidados todas as asociacións pertencentes a Culturmar e entidades afíns, tanto da Galiza como de Portugal, Irlanda, Francia, Euskadi, Catalunya, Andalucía, levante da península ou das Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.

 

Comentarios