Educación LGBT: a infancia e a adolescencia van por diante
Na infancia e na adolescencia, o tratamento da diversidade LGBT ten a dobre vertente da educación en diversidade e o acompañamento e normalización dos procesos que afectan os e as menores LGBT+. Normalizar a diversidade e a formación dos adultos neste obxectivo é, segundo diversos expertos, a fórmula para deixar de "contaminar" con estereotipos e prexuízos unha realidade que tanto as crianzas coma as adolescentes teñen normalizadas.
Penélope Alonso é psicóloga e sexóloga con máis de 20 anos de experiencia profesional. Sinala que "a cuestión é que sexamos capaces de darlle a volta á maneira en que pensamos a diversidade. A biodiversidade está en todas as partes e tamén na humanidade. Se queremos construír unha sociedade inclusiva e respectuosa temos que empezar a non pensar en colectivos". Alonso destaca que todo isto ten que iniciarse "na educación que nós achegamos ás nosas crianzas para que se desenvolvan dándose conta de que a diversidade é a norma, non a excepción".
A chave da educación das crianzas en diversidade é que os propios adultos educadores teñan claro que "todas as persoas son diferentes, todos os corpos son distintos, cada persoa ten a súa identidade e dentro dela as súas particularidades. Non hai ninguén que sexa mellor que outra persoa". As crianzas, explica, "non adoitan ter prexuízos, só preguntan e fano desde a curiosidade, non desde os estereotipos". Os prexuízos e estereotipos que rematan con isto achéganos os adultos na educación das crianzas "a medida que van medrando". Advirte Alonso que "facemos educación sexual 24 horas ao día e 365 días ao ano", trasladando valores, ideas preconcibidas ou estereotipos. As crianzas pequenas "son esponxas" e recollen a información que lle damos desde a familia. "Se a nosa información sobre as diversidades é que son persoas raras, iso é o que van a integrar e normalizar". Todo iso educa "e fai que as nosas crianzas, que veñen sen ningún tipo de prexuízos, os vaian adquirindo e vaian situándose no mundo", advirte a psicóloga.
[Podes ler a reportaxe íntegra de Patricia Villarino no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 28 de xuño. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal]