Contracultura

Eduardo Rodríguez, 'Tatán': "O Festival de Títeres de Redondela segue a ser referencia tanto dentro como fóra do Estado"

Eduardo Rodríguez Cunha, mellor coñecido polo seu nome artístico Tatán, é o presidente da Asociación de Xente Titiriteira, que participa desde a súa creación no Festival de Títeres de Redondela.
'Tatán' estivo involucrado na organización do festival desde os seus inicios (Foto: Fernando Carreira).
photo_camera 'Tatán' estivo involucrado na organización do festival desde os seus inicios (Foto: Fernando Carreira).

—Despois de 23 edicións do festival, cal é a lectura que fai do seu percorrido?
O certo é que a acollida foi moi positiva desde o principio, o primeiro ano as funcións xa enchían todas as localidades do auditorio. Tamén tivemos un apoio moi grande por parte do comercio local: antes de comezar coa campaña iamos de tenda en tenda pedindo achegas de cartos para complementar o que tiñamos da Consellaría de Cultura e que nos permitise levar adiante a iniciativa. 

Xa desde aquela o festival tivo unha repercusión e un apoio bastante grande, sobre todo no que respecta á xente de Redondela. Tamén neses inicios tiñamos que gravar as cintas de casette no noso taller, que logo poñíamos na radio do coche para as funcións. Agora co móbil está solucionado.

Vendo este camiño estamos moi felices de chegar a esta nova edición cos folgos e a forza necesarios para que a xente poida desfrutar dos monicreques nas funcións de sala e nas da rúa. Afortunadamente, e grazas tamén a todos estes apoios, o festival segue a ter un gran recoñecemento, somos unha referencia no panorama tanto dentro como fóra do Estado español. Alén, temos un acordo co festival Titirimundi, de Segovia, de forma que ambos coincidan para poder atraer espectáculos e compañías que doutro modo sería moi complicado. 

—Cando se trata de cultura, tecer estas alianzas é fundamental, non?
Ás veces lamentámonos porque inclusive na rede de teatros da Galiza contratan un espectáculo para unha aldea e xa non te volven contratar até que teñas algo novo que ofrecer. 

Poderías repetir ou programar a obra durante varios días seguidos para que a actividade dea de si e poida achegarse toda a xente posíbel. E neste caso falo tamén de cidades como Vigo ou A Coruña, que tampouco o fan. 

Esta é a filosofía do festival de Redondela: contar con compañías de diversos lugares e fortalecer o programa. En concreto, este ano estamos moi contentos porque recuperamos a actividade escolar, que desde a pandemia parecía que ía desaparecer e os grupos que fan as funcións de sala tamén as repiten durante a mañá para que a rapazada acuda co seu centro. 

É moi bonito poder ver de novo as crianzas co profesorado porque, ademais, é unha parte fundamental: son as futuras espectadoras do teatro. Hai que coidalas, achegalas, que saiban como comportarse nunha sala... Era algo que xa lograramos en anos anteriores e por sorte puidemos recuperar. Redondela caracterízase en xeral por ter un público moi serio e responsábel. 

—Cal é o panorama xeral dos monicreques na Galiza? 
Dentro da asociación, funcionamos con voluntariado que se vai organizando uns días antes do festival e que acode ás funcións escolares e atende cada grupo que actúa na vila para que se sintan cómodos. Esa parte si que funciona moi ben e conseguimos coordinarnos ben co labor excelente de dirección do festival que fai Luis Crespo. 

No que respecta á formación, seguimos nas mesmas que antes: quen quere dedicarse ao teatro de monicreques na Galiza ten que facer un esforzo enorme e entender que se vai meter nunha vida economicamente insegura. O trato de actrices e actores mellorou moito desde que se formou a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) e está saíndo xente moi interesante, como A Panadaría ou Álvaro Gago, porque cando hai unha base que te permite formarte é máis doado que chegues a profesionalizarte.

Esa é unha parte que aínda está moi pendente na nosa disciplina. Eu mesmo tiven que ir a Barcelona para poder formarme e aínda así acabei regresando porque era moi difícil sobrevivir. 

Algunha vez temos falado coa ESAD da posibilidade de crear unha materia sobre o tema para a xente que lle interesara a manipulación e a creación de obxectos ou a posta en escena dunha obra de monicreques, mais aínda é unha cuestión en lista de espera.  

Comentarios