“Do periodo de entreguerras hai moitas mulleres esquecidas e María Casares é unha delas”

Ernesto_Is by Juan Seijas CC BY-SA 4.0
photo_camera Ernesto_Is by Juan Seijas CC BY-SA 4.0

A obra de Ernesto Is Despois das ondas gañou a XVII edición do Premio Rafael Dieste de Teatro da Deputación da Coruña. A obra fai un repaso pola vida de María Casares, actriz galega nada na Coruña no ano 1922 e exiliada en Francia aos 14 anos por mor do estalido da Guerra Civil. O texto do dramaturgo asturiano impúxose así fronte ás 47 obras presentadas durante o certame.

Ernesto Is (Xixón, 1988) é titulado en arte dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galiza (ESAD) na especialidade de Dramaturxia e traballa como profesor e dramaturgo. Con experiencia tamén no audiovisual, o autor atópase agora centrado na creación teatral orientada a oralidade. No seu currículum atopamos a fundación da compañía de teatro Feira do Leste xunto co director César No, coa que xa teñen estreado as obras Exilio das Moscas Tras Tanhäuser, onde mesturan o teatro coa danza, o cine e diversos obxectos que sirven de soporte na historia. Entre as súas publicacións destacan Fendas (gañadora do premio ABrente de Textos Teatrais), Anoche, O ceo baixo Berlín (accésit a Pipa 2014 de dramaturxia breve) e La regla d’un trasgu.

O texto gañador da XVII edición do Premio Rafael Dieste impúxose por maioría durante a deliberación do xurado. A obra leva de novo á escea a María Casares, actriz de cine e teatro nada na Coruña pero de adopción francesa, onde tivo que fuxir no ano 1939 por ser filla do ministro e xefe de goberno da II República, Santiago Casares Quiroga. O seu pai, importante político de ideoloxía republicana e galeguista, ocupou o posto de Presidente da II República entre maio e xullo do ano 1936. Tempo durante o cal se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936 e apoiado por unha ampla maioría da poboación.

Ernesto Is coñecía a figura de María Casares antes de escribir esta obra, “mais o básico, e as veces oculta detrás da figura do seu pai Santiago Casares ou da súa parella Albert Camus”. “Non me parecía que fora só a filla ou parella de. Parecíame importante reivindicar o papel da muller, falar dela a través dela e da  memoria histórica e da súa faceta creadora como artista”. A documentación para a obra foi detida e minuciosa: “Emprecei a investigar cartas no exilio, correspondencia entre ela e seu pai, o libro de memorias Residente privilexiada, entrevistas penduradas en Internet, escritos dela… era unha muller sumamente intelixente e cun xeito de escribir a altura dos e das máis grandes artistas da época. Nese periodo de entreguerras hai moitas mulleres esquecidas, adicadas á cultura e a moitas outras áreas; poetisas, novelistas da xeración do 27, etc. Aínda que María Casares non pertence a esta xeración sí que vén de toda esta corrente”.

Reivindicar a memoria histórica

Despois das ondas destaca tamén pola súa revindicación da memoria histórica galega, plasmada a través do exilio de María Casares. “O exilio é unha constante na peza pois ela mesma dicía vivir nun exilio permanente”. O seu libro de memorias, Residente privilexiada, da boa conta disto. “Residente privilexiada era a tarxeta que lle daban aos exiliados con privilexios, neste caso por ser filla de Casares Quiroga. Non era o mesmo ser exiliado interior que exterior. Viviu o exilio do exilio do seu propio pai, que tivo que fuxir a Inglaterra co estalido da Segunda Guerra Mundial”. Ernesto Is destaca a unión entre a actriz e a filosofía de Camus e o seu mito de Sísifo: “Sempre tiña que volver a empezar, sempre que chegaba ao cume caía a pedra de novo e tiña que refacer outra vez a súa vida”. “A obra é unha especie de falso monólogo onde aparece ela volvendo a España despois da morte do ditador para representar Adefesio, de Rafael Alberti. Hai unha escea, que existiu na realidade, onde a actriz se reúne en Bos Aires coa plana maior da cultura galega no exilio: Dieste, Blanco Amor, Virxinia Pereira (muller de castelao) etc.”

Este ano o Premio Rafael Dieste de Teatro da Deputación da Coruña engade ao seu habitual premio económico xunto coa edición en papel da obra a representación da mesma por parte dunha compañía profesional galega. “Aínda non sei como vai ser pero imaxino que será a través dun concurso público a través do cal as compañías que cubran certos requisitos poderán concorrer”. Para Ernesto, “non hai textos teatrais escritos só para ler senón para que a xente os interprete. Que sexa un mapa de ruta para poder contais algo máis, reescribila”.“É unha obra que ten moitas cousas miñas volcadas nas palabras da obra. Un pouco exhibicionista pero non con esa pretensión. Volquei as miñas inquedanzas como autor, como rapaz e como persoa do teatro a través desta figura”.

Comentarios