Contracultura

Diego Ameixeiras, autor do relato 'A Néboa': "Os 'ataques de néboa' refírense ao divorcio entre a realidade e o que pensamos sobre ela"

O caderno de verán Máis que acompaña Nós Diario achega ás lectoras e lectores desde esta terza feira ao sábado o relato inédito A Néboa que Diego Ameixeiras escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas, Ameixeiras, un dos principais representantes da novela negra galega, reflexiona, nunha historia de desamor e misterio, sobre a distancia entre a realidade e a forma en que esta é percibida.
Diego Ameixeiras conversa sobre o seu relato 'A Néboa', que se publicará no suplemento estival 'Máis'. Foto: Nós Diario
photo_camera Diego Ameixeiras conversa sobre o seu relato 'A Néboa', que se publicará no suplemento estival 'Máis'. (Foto: Nós Diario)

—O protagonista de A Néboa sofre 'ataques de néboa'. Como os definiría?
Para min son como unha especie de xogo que queda á interpretación das lectoras e lectores. É algo que lle sucede ao protagonista, que pasa pola súa cabeza e que lle impide manter unha relación razoábel coa realidade. Como unha especie de estraños ataques que pasan pola súa mente e que o levan a conducirse pola vida dunha forma un pouco estraña. Pero en realidade queda á interpretación de quen queira ler o relato.

—De onde nace esta metáfora?
Pois pode ser como unha maneira de expresar un pouco esa especie de divorcio que temos todos algunhas veces coa realidade. Eu creo que o que pensamos ou o que temos aí dentro da cabeza é un pouco diferente á realidade que atopamos diante dos ollos... Hai aí unha distancia. Entón, podería ser un pouco esa néboa que temos na cabeza e que, por certo, non ten nada que ver coa problemática da saúde mental que din que é unha das consecuencias do coronavirus.

—Que ten o desamor e o misterio que resultan temas tan atractivos para os escritores?
Pois o desamor sempre significa un conflito, alguén que está en carne viva ou que está sufrindo unha situación emocional complexa. Creo que isto sempre é moi proveitoso para a literatura, para o cine... para contar unha historia, non? Creo que sempre nos interesa máis que nos conten historias de quen atravesa conflitos que de quen está gozando dun estado emocional tranquilo, porque aí hai pouco que investigar. Hai máis que afondar nas feridas, na escuridade, nos momentos nos que a realidade se torna un pouco ameazante para todos... E o misterio porque creo que a todos nos gusta que nos conten unha historia na que quede algo oculto... É como unha invitación ao xogo que creo que sempre gusta.

—No relato distínguese tamén certo interese polo cotián das cousas, que cre que achega isto ás súas obras?
Quizais unha maior proximidade co lector ao empregar referencias que poidan ser máis ou menos coñecidas por todos, ben sexan referencias ao espazo, á actualidade ou ao mundo que temos diante dos ollos... Creo que isto sempre axuda a que o lector se vexa máis dentro do relato. Tampouco creo que esta sexa unha historia na que haxa grandes referencias á actualidade, creo que máis que referencias son como pequenas descricións sobre a forma que temos de relacionarnos co mundo a través das falsas conclusións sobre a realidade, da túa propia soidade...

Creo que todo isto sempre axuda a conectar porque son cuestións nas que todos nos vemos inmersos dalgunha maneira.

—É un relato en cinco entregas. Cando sabe que unha parte está rematada?
Un dos factores é a extensión. Este encargo xa pedía facer o relato por entregas e isto axuda un pouco a guiarse porque tes un espazo concreto no que tes que deixar colocadas algunhas das claves da historia. Sabes que está rematado cando ves que xa non tes moito espazo e que podes crear unha certa intriga que chame o lector a que ao día seguinte queira seguir lendo o próximo capítulo.

—Ten algún novo proxecto á vista do que nos poida avanzar algunha cuestión?
Si, teño unha novela a piques de rematar e estou intentando darlle voltas á última versión. Espero rematala ao longo deste verán. Ao final xa hai dous anos que publiquei O cervo e a sombra [Editorial Xerais] e xa teño ganas de publicar algo novo, pero aínda teño que darlle un tempo porque aínda estou na fase de darlle as últimas correccións.

Comentarios