Destrúen o milladoiro que escorrentaba os "maos espíritos" de Corcoesto

O milladoiro de Corcoesto desapareceu. As pedras persoalizadas por artistas e persoas do mundo da cultura que compuñan a popular construción xa non están e os promotores da iniciativa alertan da má fortuna que o futuro depara a quen destrúe un milladoiro. 

Milladoiro de Corcoesto (Helena Villar)
photo_camera Milladoiro de Corcoesto (Helena Villar)

O milladoiro de Corcoesto quería, con carácter simbólico, afastar os maos espíritos do cianuro e o arsénico. Alguén foi e destruíuno e os promotores da iniciativa artística-reivindicativa lembran que a tradición contempla “malfado” para quen se atreva a destruír un milladoiro. 

O pasado 1 de xuño, co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, tivo lugar en Corcoesto a romaría artística reivindicativa “Enarbolar o Bosque” que desta volta se revolvía contra a mineira invasiva a ceo aberto que ameaza o futuro da zona. Despois dunha xornada de música e actuacións con Topito de Poio, Josito Porto ou Roberto Sobrado na Carballeira de Santa Mariña, a presentación do libro “Versus Cianuro” e a realización de obradoiros artísticos, o encontro ía deixar pegada coa instalación artística colectiva “Milladoiro de Corcoesto”, unha proposta plural na que partillaron máis dun cento de persoas. 

Versos, desexos, debuxos ou frases con forza poética ficaban marcadas na pedras que habían compor o “Milladoiro de Corcoesto”, ideado por Xacobe Meléndrez Fassbender. As pedras amoreáronse nun dos camiños de acceso á vella mina e foron deitadas por artistas e escritores como Helena Villar Janeiro, Francisco Fernández Naval, Tati Mancebo, Iolanda Aldreu, Sebas Rozas, Artemio Lamas, Carlos Botana ou Mercedes Molares.

A tradición agoira o "malfado" para quen ousar destruír un milladoiro

Os promotores da iniciativa lembran o carácter máxico e mítico dos milladoiros, aquelas conxuncións de pedras que buscaban escorrentar os maos espíritos e que, no noso ámbito, tiveron especial presenza na contorna do Camiño de Santiago. Denuncian agora que alguén fixese desaparecer a obra colectiva creada para afastar os novos maos espíritos, os do arsénico e cianuro que ameazan Corcoesto. Lembran a tradición popular “que fai destinatarios de todo maleficio a quen destruír un milladoiro, a quen tan sequera leve unha pedra das nel depositadas. O malfado para os intransixentes co pensamento alleo cos destrutores da paisaxe dos seus netos”, sinalan. 

Un vídeo e un álbum fotográfico gardan memoria, malia iso do milladoiro de Corcoesto e en outono hase de expor no Forum de Carballo e posteriormente nunha galería de Santiago. 

Comentarios