Descobren en Castroverde unha necrópole medieval con máis de 20 tumbas

No lugar de Eirexe. É é unha das necrópoles de orixe altomedieval máis grandes da Galiza.

necrópole castroverde
photo_camera (Foto: Amigos de Castroverde)

Unha necrópole medieval con máis de 20 tumbas foi achada no lugar de Eirexe, na parroquia de San Miguel de Páramo, no Concello de Castroverde, parroquia de Lugo.

Diso informou a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, que explica que o achado produciuse o pasado mes de xuño e é unha das necrópoles de orixe altomedieval máis grandes da Galiza.

En concreto, o descubrimento tivo lugar durante os traballos de consolidación dos restos da casa reitoral que o Concello de Catroverde desenvolve na antiga edificación situada sobre un castro e á beira da igrexa parroquial.

A asociación detalla que, durante os traballos de escavación dirixidos polo arqueólogo Francisco Hervés, púxose ao descuberto máis dunha vintena de tumbas paralelas e orientadas en dirección suroeste-noroeste, entre a reitoral e o camiño de acceso á igrexa.

Froito destas actuacións, elaborouse un informe preliminar que se remitiu á Consellaría de Cultura e Educación, que deberá decidir sobre o futuro do xacemento.

Amigos do Patrimonio de Catroverde destaca que este municipio é, xunto co Corgo, un dos concellos da provincia de Lugo con máis enterramentos antropomorfos altomedievais, con outros exemplos nos lugares de Recesende e Goi.

Á vista de achado, a asociación enviou un escrito á Consellería de Cultura na que pide un maior control nos traballos en execución no conxunto da casa reitoral, así como información sobre a necrópole e a continuación das actuacións que permitan un maior coñecemento e difusión da súa amplitude e características.

Comentarios