Certame literario "Un verán con Castelao"

"A derradeira viaxe de Rafael e Castelao", por Hugo Pérez Magariños

IES Félix Muriel, Rianxo.
O mar non lles falaba, pero tampouco calaba. (Foto: Eyetronic)
O mar non lles falaba, pero tampouco calaba. (Foto: Eyetronic)

Era noite, e o mar semellaba unha páxina escura que agardaba por tinta. A cuberta do barco —vello, de madeira que xa fora moitas cousas antes de ser barco— renxía coas ondas. Non se afundía.

Flotaba sobre o tempo, coma unha lembranza teimuda. Rafael Dieste e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao estaban sentados xuntos, envoltos na mesma quietude dos soños antigos.

—Ti cres que morremos? —preguntou Rafael, mirando ao horizonte coma quen busca unha resposta que xa sabe.

—Non o sei. Pero isto non é morte. Isto é outra cousa. Algo entre lembranza e esperanza — respondeu Castelao.

O mar non lles falaba, pero tampouco calaba. Era coma un vello amigo que non precisa palabras para estar presente. A embarcación avanzaba sen remos nin velas. Era empurrada por algo máis fondo que o vento: a forza da memoria.

Ambos vestían coma sempre: Dieste co seu traxe escuro, e Castelao co sombreiro ladeado e o caderno na man

Ambos vestían coma sempre: Dieste co seu traxe escuro, algo gastado, e Castelao co sombreiro ladeado e o caderno sempre na man. Cada un levaba no peto unha parte de Galicia. Non en mapas nin bandeiras, senón en palabras e olladas.

Primeira illa: A illa do silencio

A primeira illa que atoparon era gris e muda. Non se escoitaba paxaro, nin vento, nin mar. Só o silencio, pesado coma chumbo. Sobre as rochas, sentadas en ringleira, estaban centos de figuras sen rostro. Homes e mulleres calados, cos beizos pechados por fíos invisibles.

—Esta é a illa dos esquecidos —murmurou unha voz que semellaba vir do propio vento. Era Ánxel Fole, envolto nun manto escuro—. Aquí viven os que nunca puideron contar a súa historia. Os silenciados. Os que foron condenados ao baleiro.

Dieste achegouse a unha das figuras. Ao tocar o seu ombreiro, a silueta esvaeceuse, pero no aire quedou flotando unha palabra: "naufraxio".

—Cada unha destas ánimas é unha historia non contada. Un poema non publicado. Unha carta que nunca chegou.

Castelao debuxou cun pau sobre a area mollada. O trazo era sinxelo: un ollo que choraba, e unha estrela enriba. Da terra xurdiu un lixeiro murmurio. Un primeiro nome.

—Cómpre lembrar para salvar —dixo.

Segunda illa: A illa dos contos que non morren

A segunda illa era de cor verde intensa. As árbores tiñan follas en forma de palabras, e as raíces murmuraban contos antigos. Entre os troncos, rapazas e rapaces recitaban fragmentos de obras sen autor recoñecido, como se as memorizaran sen nunca lelas.

"Os vellos non deben de namorarse…"

A voz viña dunha muller de luz. María Casares, nova como nos tempos do exilio en París, representaba, diante dunha cova, unha escena que se repetía en bucle, sempre distinta.

—Neste lugar, o teatro é a eternidade. Aquí cada representación é verdadeira porque nace da dor e da esperanza —dixo ela.

—Aquí os contos viven máis alá do que escribimos. Non son papel. Son lume que prende nas xeracións —engadiu Dieste.

Castelao mirou as árbores e dixo:

—As palabras fan raíces. Se alguén le un conto noso, ou di en voz alta unha frase de Galicia, xa fixemos algo.

—E os contos que se contan ao carón do lume? —preguntou Dieste.

—Eses son os máis fortes. Porque non precisan tinta: precisan emoción.

Terceira illa: A illa das cartas nunca abertas

A illa era un mar de papel. O chan feito de cartas sen destino. O ceo cuberto de sobres voando como paxaros sen niño.

Ramón Suárez Picallo agardaba sentado, cunha carta nas mans.

—Esta é a illa dos silencios familiares. Aquí están as palabras que non se dixeron por medo, ou por distancia, ou por culpa.

Castelao colleu unha carta do chan. Era súa. Dirixida á nai, dende Buenos Aires.

"Nai, estou lonxe, pero cando pecho os ollos, vexo a horta. O pozo. O cheiro do pan ao forno…"

—As cartas son pontes. Algunhas nunca chegan, pero o que contiñan queda no aire —dixo Suárez Picallo.

Dieste mirou ao redor. Cando falaba de cartas, sempre lembraba as que non enviara. As que escribira de mozo, cando soñaba con ser poeta e cambiar o mundo coa palabra.

—E se as cartas que non se len tamén escriben historia?

—Si —respondeu Ramón—. A historia das emocións gardadas.

Cuarta illa: A illa dos que soñan Galicia

Era branca, feita de néboa. No centro, unha asemblea de sombras recoñecidas: Rosalía, Curros, Pondal, Murguía, Emilia Pardo Bazán, Antón Vilar Ponte… todos sentados arredor dun lume que non queimaba, senón que iluminaba.

—Non sabíamos se mereciamos estar aquí —dixo Castelao.

—Estades porque fixestes do voso traballo un acto de fe —respondeu Rosalía—. Un acto de amor.

—A lingua é unha patria —dixo Murguía.

—E cada palabra escrita en galego é un regreso —engadiu Dieste.

Rosalía tomou unha cunchiña. Dentro dela soaba unha nena recitando "Adiós ríos, adiós fontes…".

—Mentres unha soa nena diga isto, Galicia segue viva.

—As veces penso que fomos pedras. Camiñando contra a corrente. Cansos. Teimudos —dixo Castelao.

—As pedras fan camiños —respondeu Rosalía.

—E as pedras tamén falan —engadiu Dieste—. Só hai que escoitalas.

Nova illa: A illa da música calada

Era unha illa invisible aos ollos, pero que se podía sentir. Ao chegar, non se vía nada, pero un laio comezaba a soar, suave, coma un alalá. Era a voz de Perfecto Feijoo, de Mini e Mero, de miles de pandeiretas tocadas en seráns que xa non existen.

O chan vibraba ao ritmo de muiñeiras esquecidas. Non había corpos, pero había presenza.

—Esta é a illa onde repousa a música que non se gravou. Os cantos de sega, os berros do mar, os sons do monte. Todo aquilo que Galicia dixo sen papel.

Castelao pechou os ollos e unha bágoa caeu.

—A patria tamén canta.

—E tamén cala. Pero calar non é esquecer —respondeu Dieste.

Sentaron sobre o invisible, deixándose levar pola música do que xa foi. Sentiron, por un instante, que Galicia era un eco infinito.

Comentarios