A Deputación da Coruña destina 150.000 euros á distribución de contidos audiovisuais en galego

A nova liña de axudas da Deputación da Coruña responde á necesidade de difusión de produtos audiovisuais en lingua galega, afirma a responsábel de Cultura e vicepresidenta da institución, a nacionalista Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín
photo_camera Goretti Sanmartín

A área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña destinará 150.000 euros á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega. A iniciativa nace do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais e con ela o goberno supra-municipal asegura promover “unha acción única no panorama cultural galego”.

Para a institución, a produción de filmes, documentarios e demais formatos audiovisuais é fundamental á hora de mostrar a vitalidade dunha cultura e dunha lingua. A través destas axudas a Deputación pretende contribuír para a criación dun “espazo galego de referencias propio e recoñíbel, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico”, explicou a súa vicepresidenta.

O orzamento fixado para este ano será de 150.000 euros, cunha cantidade máxima por proxecto de 30.000 euros. A convocatoria considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos para a súa distribución e exhibición en lingua galega e outra para a distribución de contidos non galegos no noso idioma.

Comentarios