A Deputación da Coruña analiza nun libro a función social da cultura

A Deputación da Coruña vén de publicar o libro A cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura.
A responsábel da Rede Museística da Deputación de Lugo, Encarna Lago (Foto: Nós Diario).
photo_camera A responsábel da Rede Museística da Deputación de Lugo, Encarna Lagoé, unha das coautoras da publicación. (Foto: Nós Diario).

O traballo, coordinado polo técnico e dinamizador sociocultural Alberto de Boiro, ten como obxectivo reflexionar sobre o momento actual da xestión cultural na Galiza e servir de recurso para profesionais e axentes da dinamización cultural.

A publicación recolle as conclusións de 15 xornadas de debate que a propia Deputación da Coruña desenvolveu durante os últimos cinco anos, coa participación de máis 150 profesionais que interviron en diversos formatos.

Precisamente, a súa presentación pública formalizarase nunha sesión destas xornadas a desenvolver o 28 de setembro no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Autorías

A cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura inclúe artigos de persoas que participaron nas xornadas. Así, entre elas atópanse Xavier Campos, Sabela Mendoza, Marcos Lorenzo, Encarna Lago, Sergio Lago, Clara R. Cordeiro, Roberto Pascual, Sivia Fiallega, Fran Quiroga, Andrea Barreira, Carlos Lorenzo, Arancha Estévez, María Baqueiro ou o propio Alberto de Boiro.

O volume divídese en 10 capítulos onde se achegan análises arredor das políticas culturais. Neste sentido, os traballos repasan o estado en que se atopan disciplinas como a danza, o teatro ou a poesía, actividades como os festivais de música ou equipamentos como as bibliotecas ou os museos locais.

Comentarios