'Déjà vu', de Manolo Alcántara e 'Cris, pequena valente', premiadas en Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro pon o ramo á súa 37 edición.
Espectáculo 'Cris, pequena valente', premio da MIT. (Foto: MIT)
photo_camera Espectáculo 'Cris, pequena valente', premio da MIT. (Foto: MIT)

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) fechou a súa 37 edición este domingo, no Auditorio Rubén García, do Castelo, coa obra Déjà vu da compañía catalá Manolo Alcántara, premiada polo público.

"Foi unha edición especial, de recuperación internacional e cautela, onde a incerteza e o compromiso" estiveron moi presentes, indican desde a organización. Á par, tamén destacan a boa acollida da MIT 2021, un circuíto que conseguiu completar a totalidade das capacidades e que puido realizarse "sen ningunha incidencia". 

O público da MIT valora a diversidade de xéneros

O público valorou "a diversidade de espectáculos e a oportunidade de reflexionar sobre eles de novo nos foros da MIT, un formato de mediación plenamente consolidado no festival", trasladan desde a organización a través dun comunicado. Os espectáculos Los que hablan e Bailar agora quedaron en segunda e terceira posición, respectivamente.

Co resultado final das votacións, "evidénciase a valoración do público á diversidade de estilos e xéneros, pois prémiase o novo circo, os monicreques, a danza e o teatro textual", engaden. Así, na vindeira edición da MIT, que xa se atopa, segundo adiantan desde a organización, "en proceso de deseño e que recollerá todos os froitos, valoracións e axustes para seguir evolucionando", convidarán a nova produción da compañía Manolo Alcántara. 

Por outra banda, o gañador do Primeiro Dramiturga foi Roi Vidal Ponte, co texto Noite Castelá, que publicará nun libro colectivo baixo os auspicios da Asociación Dramaturga, "xunto coas seis versións da peza que realizaron os dramaturgos participantes do proxecto".

Un festival de teatro "reflexivo" e "popular"

A Mostra Internacional de Ribadavia continuará cunha aposta firme, tal e como avanzan, na "esixencia", na "non cancelación de todo canto se poida levar a cabo e imaxinar, a calidade fronte á cantidade e a distinción da coherencia e do risco, o que permite o debate, alenta a crítica e fomenta os valores de respecto e convivencia". 

Desde a organización destacan a base popular do festival e comunitaria. En cada edición, apuntan, "é máis importante reafirmar os valores comunitarios e a MIT seguirá sendo ese festival popular e reflexivo onde recalar por un tempo prolongado para vivir unha experiencia concentrada de innovación e apertura, fronte aos individualismos e a insolidariedade", conclúen.

Comentarios