Contracultura

Crúas: "Facemos música directa que vai ao corazón, limpa e en esencia, sen tanta electrónica"

Alba Ermida (Poio, 1990), cantante e clarinetista, integra Crúas xunto coa pianista Iria San Marcial. Este dúo nace co obxectivo de pórlle música á palabras de poetas galegas como Rosalía, Xela Arias, Olga Novo, Darío Xohán Cabana ou Luz Pozo Garza.
As músicas, Iria San Marcial e Alba Ermida. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As músicas Iria San Marcial e Alba Ermida. (Foto: Nós Diario)
—Cal é o punto de partida de Crúas?
Vén todo encadeado. Non hai un principio como tal. Eu estaba vivindo en Bos Aires, tiña un dúo co que saquei un disco. Algunhas das letras dos temas eran de poetas da Arxentina e cando volvín, en 2020, decidín que quería continuar con isto pero con poetas da Galiza. Chegou a pandemia e eu quedei na casa dos meus pais, onde hai unha biblioteca moi grande. Comecei a buscar poemas e tamén me inspirei en discos que estaban alí, como o de Serrat cantándolle a Miguel Hernández ou o de Ana Belén cantándolle a Lorca. Creo que a poesía, a través da música, pode chegar mellor. Despois comecei a practicalos cun amigo que é profesor de canto e el foi quen me puxo en contacto con Iria.

—Como escollen os poemas?
Sempre os escollo eu porque xa comezara a facelo e tamén porque a miña relación coa literatura é máis estreita que a de Iria. Cando estaba en Bos Aires elixira entre os poucos libros en galego que tiña aí, que foi unha limitación que se repetiu tamén durante a pandemia. Tratei de afastarme dos poetas máis coñecidos e logo foi cando acudín directamente a voces de poetas mulleres en librarías e bibliotecas. A min tenme que resoar, que é unha das cousas que lle propomos ao público: a diferenza nas emocións que se deron cando a persoa escribía, cando nós lemos para escoller o poema ou cando o propio público escoita. 

—Como traballan a catro mans?
Eu viña do meu dúo na Arxentina cun rapaz guitarrista, co que tamén tiñamos unha relación de amizade máis aló da música. Cando cambias de compañeiro e de proxecto, tamén hai un proceso de adaptación. É un camiño de coñecemento dunha e doutra, das músicas que nos gustan. Por exemplo, eu son moito máis de darlle prioridade á letra, para min é moi importante que a música describa a emoción ou a delicadeza das palabras, ou o que a min me transmite ese poema. E ela, como é pianista de carreira longa, prioriza a sintaxe musical, a harmonía... É un consenso constante, pero tamén é certo que máis aló diso as dúas entendemos perfectamente o proxecto, por onde vai. É algo moi íntimo e sutil.

Non coñecemos a ninguén na Galiza que estea facendo algo deste estilo, a pesar de toda a onda de música nova que hai. Iso é fermoso. Que a tradición está viva e non musealizada. Segue evolucionando. Que se escriban letras de muiñeira é marabilloso, a pesar de que nace nun contexto moi concreto de ir ao campo e coller a pandeireta ao volver para desafogar. Aínda así, vemos persoas compondo letras actualizadas de muiñeira. É incríbel o que está pasando agora mesmo na Galiza. 

—Por que Crúas?
Pórlle nome a un proxecto en xeral é moi difícil. No noso caso, foi algo a contratempo, porque queríamos presentarnos a un concurso e aínda estabamos en fase de ensaios. Tíñamos tres días para inscribirnos e non tiñamos nome. Estivemos dándolle moitas voltas, consultamos a outras persoas e tamén buscamos xogos de palabras. Queríamos que fose en galego e, falando cunha amiga que estivo vivindo en Inglaterra moito tempo e que escoitara algúns dos nosos temas, comentounos que a música que facíamos era moi raw.

Gustounos a sonoridade da palabra crúas e aí quedou. E creo que define ben o que facemos: música directa que vai ao corazón e á alma, limpa e en esencia, sen tanta electrónica nin filtros. A xente adoita saír moi emocionada dos concertos, algunhas persoas chorando, e pareceunos unha palabra que tiña moito que ver co que nós queríamos pórlle ao proxecto.

Comentarios