Crítica de cinema: 'Star Wars, o ascenso de Skywalker', por Andrés Castro

A Resistencia, o que queda dela, debe facer fronte aos envites da Primeira Orde. Namentres Rey adestra nos camiños da Forza, Kylo Ren dá co paradoiro dun poderoso aliado que lle pode proporcionar a vitoria definitiva.

 

star wras

Remata o conto. Fin. The End. Au revoir. Youwww! (en wookie)... Tres triloxías: a orixinal (1977-1983), a precuela (1999-2005) e máis a secuela (2015-2019). Cada quen coas súas predilectas, un pouco en función da xeración na que nacesen. Os da miña, por exemplo, non aturamos moito as precuelas. De feito, adoitamos facer coma que non existen. Claro que... “outros virán que bo me farán”. Explícome.

Os episodios VII-VIII-IX son practicamente un calco dos episodios IV-V-VI variando elementos, mudando personaxes e remexendo a fórmula... Pero, en esencia, son a mesma cousa: o camiño do heroe da Eneida de Virxilio, iso si, ambientada nunha galaxia moi moi lonxana... Os episodios I-II-III tamén o eran, pero George Lucas quixo facer algo diferente, máis político. Mágoa que os efectos especiais cantaran tanto. A tecnoloxía non estaba preparada aínda para o que Lucas tiña en mente... Vistas xa as nove pelis, aquela aposta por facer algo distinto valórase moito máis.

Nas secuelas, J.J.Abrams e compañía limitáronse a facer o que pedía a gritos, durante anos, toda a miña xeración: recuperar a esencia da triloxía orixinal. E fixérono moi pero que moi ben. Iso si, a costa de plaxiar situacións, tirar de lugares comúns e de impregnalo todo con toneladas de nostalxia. Pero é que Star Wars é máis que unha saga, é case unha relixión para milleiros de adoradores de tres xeracións diferentes. E Disney, actual propietaria da franquía, sabe ben que pouco importa que vexamos “o mesmo” unha e outra vez aínda que contado “doutra maneira”. A min desde logo deume o mesmo. Paseino pipa...

O título en si, O ascenso de Skywalker, leva a facer mil e unha conxecturas. Ata o clímax final non imos saber o porqué do título cousa que, obviamente, non vou desvelar, pero si direi que non está mal fiado de todo. Podía estar mellor, si... De feito ocórrenseme unha ducia de finais mellores, pero é o de sempre e que xa pasou coa desenlace de Xogo de tronos: todo o mundo pode opinar, laiarse e exercer de hater nas redes sociais... pero iso non vai cambiar nada. Aquí o final está ben, queda correctamente xustificado e, ademais, pecha o círculo coa triloxía orixinal coa emotividade a flor de pel.

E é que debe ser emotiva á forza. Trátase da despedida dunha das sagas máis queridas da historia do cinema e aínda está latente nos pensamentos o recente falecemento de Carrie Fisher (Leia). Así que van aparecer vellos coñecidos, visitarán vellos lugares e aparecerán vellas naves... unha sorte de retorno ás orixes pasado pola maquinaria de acción trepidante, e acelerada, dun J.J. Abrams desatado que non lle treme o pulso e, incluso, ten a ousadía de meter uns cantos lens flares dos que tanto gusta. O bo é que faino só nun par de secuencias, en plan: “aí queda iso”, como se simplemente quixese deixar constancia da súa particular, e tan odiada, “marca da casa” para a posteridade.

Novena vez que compón a banda sonora o gran John Williams. O único, xunto co actor Anthony Daniels (C3PO), que participou en todas as películas de Star Wars. Unha marabilla escoitar as súas notas. Tanto as melodías míticas como as que compuxo para O ascenso de Skywalker. Obrigatorio quedar até o final dos títulos de crédito para gozar do mestre Williams. Aínda non entendo moi ben como hai xente que marcha sen máis mentres aínda se escoitan as súas composicións... Que falta de respecto!

Ollo tamén a Adam Driver (Kylo Ren). Vai calar moitas bocas que sacaban a lingua a pastar en O espertar da Forza dicindo que “non daba o perfil”, que “era un mal malo”, “un miñaxoia” ou “unha fatal elección”... Pois se en Os últimos Jedi xa deixaba patente que era unha excelente elección, en O ascenso de Skywalker eríxese como un dos personaxes mellor construídos de toda a saga; dos nove filmes, vamos.

Si, certo que contén liñas de diálogo malísimas, unha morea de buracos de guión e a montaxe das escenas de acción é, por momentos, híper-acelerada. Hai, de feito, un aviso antes de entrar nas salas que advirte que: "contén varias secuencias con imaxes e luces intermitentes sostidas que poden afectar a persoas con epilepsia". Mais antóllanse pecados veniais para un filme que dá todo o que se espera, e algo máis, a esa lexión de fans que acudirá en masa a vela e que seguirá(seguiremos) mantendo unha atracción irracional por todo o que leve o logotipo de Star Wars, até o fin dos seus(nosos) días...

E é que Disney non vai parar de explotar a galiña dos ovos de ouro. Ou realmente pensabades que remataba aquí o conto?

Star Wars: The Rise of Skywalker

(EUA 2019, 141 min.)

Director: J.J. Abrams

Guión: J.J. Abrams e Chris Terrio

Fotografía: Daniel Mindel

Música: John Williams

Elenco: Adam Driver, Daisy Ridley, John Boyega, Óscar Isaac, Domhnall Gleeson, Billie Lourd, Keri Russell, Lupita Nyong’o, Richard E. Grant, Billy Dee Williams, Carrie Fisher, Kelly Marie Tran, Naomi Ackie, Anthony Daniels, Joonas Suotamo, Jimmy Vee, Dominic Monaghan, Mark Hammill, Ian McDiarmid,

Comentarios