Crítica de cinema: “Oblivion”, o filme en que Tom Cruise fai de si mesmo

Todas as sextas feiras, Sermos Galiza publicará unha crítica de cinema dunha película de recente produción. O crítico Andrés Castro incorpórase cunha sección fixa na que nos dará conta das estreas cinematográficas. 

Cartaz de Oblivion
photo_camera Cartaz de Oblivion

Ano: 2013
Duración: 126 min.
País: Estados Unidos
Director: Joseph Kosinski
Guión: Joseph Kosinski, Michael Arndt, Karl Gajdusek, William Monahan
Música: Anthony Gonzalez, M.8.3, Joseph Trapanese
Fotografía: Claudio Miranda
Reparto:  Tom Cruise, Olga Kurylenko, Andrea Riseborough, Morgan Freeman, Melissa Leo, Zöe Bell

SINOPSE


Ano 2077. Hai máis de 60 anos la Terra foi atacada. A metade do planeta quedou destruído, e todos os seres humanos foron evacuados. Jack Harper (Tom Cruise), un antigo comandante astronauta, que agora traballa como técnico de Drones, é un dos últimos homes que a habitan xunto a Victoria (Andrea Riseborough) que é a súa compañeira e axudante de soporte de operacións. O obxectivo que teñen é o de extraer os recursos vitais do planeta. Un día rescata a unha descoñecida dunha nave espacial e comeza a dubidar das súas conviccións máis profundas.

CRÍTICA

Segunda película e segunda incursión na ciencia-ficción de Joseph Kosinski tras Tron Legacy. Se a primeira era unha especie de space opera punk postmoderna, nesta segunda nótase que trata de mimar o xénero. De feito a película está baseada nun comic-book do propio director coa inestimable axuda de Michael Arndt, que firmou, entre outros, os guións de Toy Story 3 ou Little Miss Sunshine, pola que recibiu un premio Óscar, e que actualmente traballa no episodio VII de Star Wars, baixo a batuta, non nos esquezamos, da produtora Walt Disney. A película ten unha dirección artística de naves e decorados bastante boa, que lembran aos deseños de Peter Elson (1947-1998) e cuns efectos visuais moi coidados. Con estas premisas nos atopamos cunha película desas que apetece ver en pantalla grande. E nese senso non defrauda. Pero tras toda a parafernalia visual e dun presuposto desorbitado empeñado en facer un produto de consumo de calidade, agóchase un concepto de película sospeitosamente parecido ao de Moon (2009) de Duncan Jones. Pero no que si tiveron acerto foi en que o filme de Duncan Jones é prácticamente unha película de culto sen apenas distribución que apenas chegou ao público e moi pouca xente puido gozar dela salvo en DVD.

"Estamos ante un quero e non podo de máis de dúas horas de duración pero que, porén, fará as delicias dos afeccionados ao xénero".

En Oblivion hai uns efectos visuais que quitan o salouco apoiados na super-estrela Tom Cruise en lugar dos efectos artesáns de Moon apoiados na xenial e contida interpretación de Sam Rockwell. Pero Kosinski tratou de adiantarse a esta máis que evidente comparación afirmando que o guión do seu filme o ideou en 2005, aínda que o cómic non se editou até 2010, un ano despois da película de Duncan Jones, o cal chama bastante a atención. Deixando de lado as polémicas, Kosinski, como xa fixera en “Tron Legacy” abusa novamente da música de fanfarra para destacar e facer fincapé en certos momentos do filme que, sinceramente, non teñen tanta transcendencia como nos queren facer crer. Estamos ante un tachán case continuado na segunda metade do filme que chega a esgotar e provoca algún que outro momento risible, sen pretendelo. Tom Cruise fai de si mesmo, Morgan Freeman está en horas baixas e temos a unha Olga Kurylenko que non aporta absolutamente nada, pero que está de parabéns, porque lle van chovendo papeis desde o seu salto a Hollywood. Tributos a Independence day (1996), reflexión teolóxica coa imaxe dun Hal-9000 metido nun triángulo a modo de ollo de deus, intento de explicar que somos, de onde vimos e a onde vamos e todo iso aderezado co pertinente cheiro ianqui co tema da gorra de béisbol que, aínda que teña sentido na historia, tira moito cara atrás. Estamos ante un quero e non podo de máis de dúas horas de duración pero que, porén, fará as delicias dos afeccionados ao xénero.

Comentarios