luns 13.07.2020

Crítica de cinema: María Solinha

O crítico de cinema Andrés Castro debulla o último filme de Ignacio Vilar.
María Solinha
María Solinha

Cando pensas que Ignacio Vilar xa tocara teito con A esmorga, vai e presenta Sicixia. E cando crees que xa si... que xa non pode sorprendernos máis, volve facelo agora. O director de Petín goza dunha envexábel liberdade creativa, afouteza e ilusión que se lle suporía un rapaz que acaba de empezar no mundo audiovisual e quere papar o mundo, pero coa avantaxe da sobrada experiencia dun cineasta que varias décadas anos centrado na súa paixón. María Solinha é unha mostra máis...

Guión inspirado nas historias e lendas que rodean á canguesa María Solinha, acusada de bruxería e sentenciada a morrer na fogueira en 1621, mais tamén bebe da peza teatral Anne Peddersdotter, sobre unha meiga queimada en 1590, así como nas famosas “bruxas de Salem”, condenadas en 1692 en Norteamérica e levadas ao teatro por Arthur Miller na peza O crisol.

Laura Míguez (Serramoura) e a debutante Grial Montes encabezan un reparto de luxo repleto de facianas tan coñecidas como as de Santi Prego, Mabel Rivera, Melania Cruz ou Antonio Durán ‘Morris’, entre outras e outros. A destacar tamén a dirección de fotografía da imprescindíbel Lucía Catoira Pan; o impresionante deseño de son (que gran traballo); os breves, pero ben integrados, efectos especiais; e a soberbia banda sonora do especialista en “música antiga” Abraham Cupeiro, que compuxo unha envolvente atmosfera sonora utilizando cornas, buguinas ou karnyx (trompeta celta).

Tratando de non desvelar demasiado da trama –porque xa sabedes que “o número de spoilers debe ser inversamente proporcional á calidade do filme”–, dicir que non se trata dunha recreación de época na onda d’O crisol de Nicholas Hytner, senón que máis ben vai na liña de Louis Malle en Vania na rúa 42, é dicir, un grupo de teatro que prepara unha obra.

Ao igual que no testamento cinematográfico de Malle, os actores e actrices de “María Solinha” ensaian e recitan os textos con roupa de rúa que non encaixa cos decorados da posta en escena da peza teatral. Se naquela todo acontecía no interior dunha casa, aquí os decorados son localizacións naturais en casas, rúas, praias e bosques de diferentes lugares de Cangas, Redondela ou Moaña.

María Solinha podería definirse como teatro filmado... ou documental ficcionado... ou filme teatral... ou, mellor aínda, todo xunto: “cinema-teatro-documental-ficcionado”. Un fascinante exercicio de estilo de ficción-realidade que homenaxea o mundo da interpretación e, ademais, logra conectar de maneira insospeitada (e brutal) as lendas de dragóns, a Inquisición e a época actual, sen descoidar un intrigante fío argumental de dramas persoais, relacións familiares, conflitos de parella e, claro, preparativos entre bambolinas.

No filme non se dá nada mascado. De feito, ao principio pode chocar a teatralidade dalgunhas accións e as actitudes das personaxes. Antóllase necesario certa complicidade e firme atención por parte do público para seguir os acontecementos e ir pillando as chaves do filme ata que todo comeza tomar forma. Un nimio esforzo comparado coa recompensa ao remate desta soberbia, estimulante e irrepetíbel experiencia cinematográfica.

María Solinha

(Galiza 2020, 123 min.)
Dirección: Ignacio Vilar
Guión: Esther F. Carrodeguas, Ermel Morales e Ignacio Vilar
Fotografia: Lucía C. Pan
Música: Abraham Cupeiro
Elenco: Laura Míguez, Grial Montes, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán ‘Morris’, Mela Casal, Alfonso Agra, Melania Cruz, Sheyla Fariña

comentarios