Crítica de Cinema: "Oito apelidos vascos", o fenómeno da tempada

É sen dúbida o fenómeno da tempada. Unha película que tras estar 1 mes na carteleira estivo desde o principio por riba das grandes estreas, tanto da segunda parte do “Capitán América”, que tivo unha campaña de marketing bestial, como das esperadas “Noé” e “Río 2”, colocándose xa no número 11 do Top-15 da recadación internacional. Sorprendente.

Fotograma de "Oito apelidos vascos"
photo_camera Fotograma de "Oito apelidos vascos"

Ano: 2014
Duración: 98 min.
Director: Emilio Martínez-Lázaro
Guión: Borja Cobeaga e Diego San José
Fotografía: Gonzalo F. Berridi e Juan Molina
Música: Fernando Velázquez
Reparto: Dani Rovira, Clara Lago, Karra Elejalde, Carmen Machi, Alfonso Sánchez, Alberto López, Aitor Mazo, Lander Otaola, 

SINOPSE

Amaia (Clara Lago) unha moza vasca que está con dúas amigas nunha desastrosa despedida de solteira en Sevilla, coñece a Rafa (Dani Rovira) un mozo andaluz co que non ten nada en común pero co que acaba na cama. Ao día seguinte Amaia desaparece deixando atrás o bolso. Rafa decide entón levarllo a Euskadi e de paso tratar de conquistala. Pero tras ser obrigado a coñecer ao pai (Karra Elejalde) empezará a dubidar se tomou a decisión acertada.

CRÍTICA

É sen dúbida o fenómeno da tempada. Unha película que tras estar 1 mes na carteleira estivo desde o principio por riba das grandes estreas, tanto da segunda parte do “Capitán América”, que tivo unha campaña de marketing bestial, como das esperadas “Noé” e “Río 2”, colocándose xa no número 11 do Top-15 da recadación internacional. Sorprendente. E máis se nos paramos nos vimbios que ten: unha comedia romántica de lixeira sobre tópicos de vascos e españois. Algo que xa estamos fartos de ver no programa “Vaya Semanita”, pero cos sketches fiados en formato película. Pero se a priori non debería estar entre o Top 11, e nin tan sequera nun Top… cál pode ser a chave do éxito deste filme?

"Unha película que tras estar 1 mes na carteleira estivo desde o principio por riba das grandes estreas, colocándose xa no número 11 do Top-15 da recadación internacional".

En primeiro lugar apostou por unha mestura de publicidade tradicional, co respaldo de Telecinco, cun uso intelixente das redes sociais para chegar directamente ao seu público obxectivo. Coincidiu tamén cos mércores baratiños e sobre todo coa “Festa do cine”: tres días nos que as entradas custan o que teñen que custar. Isto facilitou que máis xente se decidirá a botarlle un ollo. A partires de aí o boca a boca fixo o seu efecto chamada, tanto polas boas críticas como polas malas. A opinión máis recorrente foi o de que “moi boa non é, pero botas unhas risas”. É dicir, evasión. E o cinema é evasión. Cousa que se foi perdendo co tempo por mor dunha subida feroz de prezos incrementada pola subida do IVA e que fai que moita xente que lles gusta ir ao cine non se poidan permitir acudir ás salas. A trama vai dun andaluz (Dani Rovira) que se namora dunha vasca (Clara Lago) e fai un viaxe a Euskadi para tratar de conquistala. Aparece en escena o pai dela (Karra Elejalde), e a o rapaz vai ter que facerse pasar por vasco coa axuda dunha estremeña (Carmen Machi) afincada dende fai anos no pobo.

Destaca por riba de todos Karra Elejalde, nun papel que lle cae ao pelo e que sabe darlle os matices necesarios para que sexa o único que non parece unha caricatura. Tampouco está nada mal o debut no largo do cómico malagueño Dani Rovira, pero séntalle mellor cando se dedica a actuar e deixa de lado a deformación profesional de cando parece que fai un monólogo, cousa que pasa en contadas ocasións no filme. O guión vai a cargo de dous vascos: Borja Cobeaga e Diego San José, que propoñen unha comedia ao estilo “Os pais dela” (2000, Jay Roach) mesturada cun “Benvidos ao norte” (2008, Dany Boon) e matizada polo humor de “Vaya Semanita”. Non precisan ter que recorrer a chistes de mal gusto tipo “Torrente” nin ao manido caca, cu, peido, pis. Un acerto máis que acerca máis a película ao gran público en xeral. Deixando de lado as polémicas e de como trata certos temas cos que se poden estar máis ou menos de acordo, a película hai que vela coma unha comedia romántica que se ri da idiosincrasia, estereotipos e tópicos de vascos e españois, iso si quedando bastante peor parados os segundos. Pode que o final non guste demasiado e faga que as risas da película queden algo conxeladas nun sorriso forzado, pero iso non fai esquecer as risas previas.

"A película hai que vela coma unha comedia romántica que se ri da idiosincrasia, estereotipos e tópicos de vascos e españois"

Tanto é o éxito que xa se está planeando facer a segunda parte para o ano que ven co título de “Nove apelidos cataláns”. A cousa comeza a cheirar a negocio rancio tratando de aproveitar o tirón dun filme en estado de graza, pero “Oito apelidos vascos” é unha película para botar unhas risas sen máis pretensións que acadou o que fai tempo non se vía: facer que a xente acuda en masa a ver unha película, non polo feito de ver tal ou cal película, senón como acto social onde non importa tanto o que se vai ver senón polo feito de “ir ao cine” e gozar do momento en grupo, por botar unhas risas, por quedar cos amigos ou simplemente por asistir a un acto cultural que debería de estar ao alcance de todos. Coas (escasas) iniciativas puntuais de rebaixa de prezos estase demostrando que a todo o mundo gústalle ir ao cine sempre e cando non lle supoña un esforzo para o peto.

Comentarios