A Coruña lembra Xabier P. Docampo cinco anos despois do seu pasamento

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza un acto de homenaxe e lembranza o vindeiro 26 de xuño no salón do Circo de Artesáns da Coruña. 
Xabier P. Docampo. (Foto: Eduardo Castro Bal)
photo_camera Xabier P. Docampo. (Foto: Eduardo Castro Bal)

Cinco anos despois do pasamento do autor Xabier P. Docampo, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda e varias das súas amizades máis próximas  organizan un acto de homenaxe e lembranza o vindeiro 26 de xuño, ás 19 horas, no salón do Circo de Artesáns da Coruña. 

Ao rematar o acto, sobre as  20.30 horas, inaugurarase no local da AC Alexandre Bóveda a exposición de Xosé Cobas Arredor do pintor cego, título que dá nome á mostra das ilustracións de Xosé Cobas realizadas para o álbum O pintor cego de Docampo. Un álbum que o autor non chegou a ver rematado, polo que a exposición está dedicada á súa memoria. 

 

Home de pensamento libre, amante da literatura, dos libros e defensor da lingua, Xabier P. Docampo (Rábade, 5 de abril de 1946 - A Coruña, 26 de xuño de 2018) foi un dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, e tamén un dos máis traducidos. Xeracións e xeracións de nenas e nenos leron e seguen lendo as páxinas de O misterio das badaladas (1986) ou Cando petan na porta pola noite (1994), pola que obtivo, en 1995, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. 

Mestre, experto en bibliotecas escolares, estivo sempre moi comprometido coa defensa da lingua, coa narración oral e co libro galego. Participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix) da que foi presidente. 

Traballou como mestre en varios colexios e relacionouse cos movementos de renovación pedagóxica. Pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación.  

Foi tamén actor e director de teatro e colaborou durante sete anos en Radio Nacional de España na Galiza como guionista e como director de programas de diversos tipos e formatos.

Comentarios