A Coruña acollerá a XI Edición do Encontro Artes pola Integración

Entre as principais vertentes deste proxecto "integrador" e "transformador", destacan as artes escénicas e visuais, o cinema ou a música.
O DJ Pascal Kleiman. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O DJ Pascal Kleiman. (Foto: Nós Diario)

Os vindeiros 17, 18 e 19 de xuño, o Forum Metropolitano da Coruña acollerá a undécima edición do Encontro Artes pola Integración, un proxecto que ten como principal obxectivo "romper as barreiras entre artistas e persoas con e sen diversidade funcional".

Entre as principais vertentes deste proxecto "integrador" e "transformador", destacan as artes escénicas e visuais, o cinema ou a música como "instrumentos eficaces e esenciais para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais e interpersonais derivados das demandas, necesidades e procesos inclusivos".

O día 17, ás 20 horas e con entrada libre até completar capacidade, decorrerá a presentación do festival a cargo da actriz María Vázquez. Despois terán lugar dúas representacións teatrais: unha peza curta que conta coa colaboración do festival Escena Móbile de Sevilla e, a continuación, a obra “No confeso”, dirixida polo actor Javier Colado e Alma García a partir do proceso de residencia de catro alumnos e alumnas na Ribeira Sacra e na Coruña. A primeira xornada chegará ao seu fin con Organik Dantxa e a obra de danza inclusiva 'Arnasa', ideada e dirixida por Natalia Monge.

O día 18 o evento trasládase aos Xardíns de Méndez Núñez. Ás 11 dará comezo a Asemblea Diversa, unha mesa moderada por Manuel Aguilar na que se coñecerán os proxectos seleccionados por Cultura Inclusiva da Fundación Emalcsa. Ademais, Manuel Olveira falaranos sobre “Artes plásticas e visuais e inclusión”, Eugene Van Erven sobre o Festival Internacional de Artes Comunitarias de Bélxica, Vicente Galaso sobre “Artes inclusivas na enfermidade mental” e Encarna Lago sobre a “Transformación social a través das artes nos museos”.

Na quenda de tarde, ás 17 horas, decorrerá á presentación de A Pequena Bauhaus, marca deseñada por crianzas e adolescentes. Posteriormente, ás 18 horas, a compañía de danza integrada do Colexio O Pelouro de Tui,  Eudanza, representará a obra 'A danza do eu', dirixida por Laura Llauder.

A segunda xornada finalizará a partir das 19 horas coa representación de 'Non me toques o segredo', de Experimentadanza, unha peza onde tres mulleres, Clara, Carlota e unha cadeira de rodas, descobren a existencia de lugares onde, se os tocas, rexorden emocións profundas que as aproximan cada vez máis ao tempo que as afastan dos nosos propios medos.

O día 19, ás 17 horas, decorrerá na praza de Azcárraga a representación dunha peza curta gañadora do festival Escena Móbile de Sevilla. O peche do festival decorrerá a cargo do DJ francés Pascal Kleiman, músico que naceu sen brazos debido a unha malformación provocada por un medicamento que tomou a súa nai durante o embarazo.

Comentarios