O Liceo dá un paso adiante na integración das persoas con diversidade funcional

A escuadra de hóckey suma no seu 'staff' unha moza con Down.
Pilar Pouso, co capitán do Liceo, Dava Torres. (Foto: Down Coruña).
photo_camera Pilar Pouso, co capitán do Liceo, Dava Torres. (Foto: Down Coruña).

Hai pouco máis de dúas semanas que Pilar Pouso Ruocco, unha moza con síndrome de Down usuaria da asociación Down Coruña, comezou a traballar como parte do staff do Hóckey Club Liceo. Tras un período de prácticas de dous meses de duración no que demostrou estar máis que preparada para o desempeño das funcións encomendadas, o popular club coruñés contratouna como axudante de Fran Tato, utilleiro do equipo.

Así, durante os adestramentos catro días á semana e aqueles sábados nos que o Liceo xoga o seu partido como local, as súas tarefas consisten en levar o material á pista, ir buscar protectores e máscaras, fornecer de augas aos xogadores do equipo e recollelas ao finalizar, ordenar os sticks, devolver as bólas que saen da pista nos adestramentos, fechar as portas da pista, axudar os profesionais ou contribuír nas tarefas de lavandería, entre outras. Esta contratación, dunha duración inicial de seis meses con posibilidade de renovación, foi iniciativa do capitán do Hóckey Club Liceo, Dava Torres, que tras a campaña '1 partido, 1 causa' que dedicaron á asociación Down Coruña mostrou o seu interese en que o club contratase unha persoa do programa de emprego da entidade.

Este é o primeiro contrato de traballo que asina Pili e tanto ela como a súa familia móstranse "moi contentas e agradecidas" con esta oportunidade. 

De igual modo, Down Coruña quere destacar o "interese" mostrado desde o inicio das conversacións co club, que con esta incorporación demostra que "a inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais é posíbel".

A selección galega estará presente no Estatal Sub-14

Cambiando o Deportivo Liceo polo hóckey de seleccións, e a pista pola herba, a Federación Galega da modalidade vén de anunciar que a Irmandiña estará presente no inminente Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se disputará en Zaragoza os vindeiros días 10, 11, 12 e 13 de marzo.

O equipo masculino terá como rivais no Grupo A as seleccións de Andalucía e Aragón, mentres que as mulleres agardan ser mellores que as súas homólogas dos combinados valenciano e balear. Precisamente contra estas últimas terá lugar a estrea do combinado galego, o 11 de marzo ás 10.30, exactamente tres horas antes de que fagan o propio os homes ante Aragón. 

Comentarios