Cortazar e Seoane, crónica dunha amizade alén do tempo

A relación “persoal e profesional” xurdida naquel Bos Aires convertido en quinta provincia galega entre o exiliado Luís Seoane e o escritor arxentino Xulio Cortázar será o eixo nuclear dunha palestra que protagonizará Fernández Naval esta cuarta feira ás 20 horas na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Julio Cortázar
photo_camera Cartel promocional da palestra (A.C. Alexandre Bóveda)

O presidente de México entre 1934 e 1940, o xeneral Lázaro Cárdenas -quen conta cunha humilde rúa co seu nome no barrio de Eirís, na Coruña- dixo unha vez que “os exiliados da Guerra Civil son mellor legado a Latinoamérica que 300 anos de colonización”.

Mais non foi México a única nación na que se refuxiaron aqueles fuxidos da represión, a guerra e a fame. Venezuela ou a Arxentina foron outros dos países escollidos maioritariamente polos exiliados, que coas súas achegas fixeron que Caracas vivise a súa idade de ouro ou que en Bos Aires tivese lugar “unha efervescencia cultural espectacular da man de pintores, escultores, escritores... todos dun nivel espectacular, como Arturo Cuadrado, Lourenzo Varela ou Luís Seoane”, como apunta para Nós Diario o filósofo e escritor Francisco Xosé Chisco Fernández Naval.

Esa relación “persoal e profesional” xurdida naquel Bos Aires convertido en quinta provincia galega entre un deses exiliados, Luís Seoane, e o escritor arxentino Xulio Cortázar, será o eixo nuclear da palestra que protagonizará Fernández Naval hoxe ás 20 horas na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Estudoso das figuras de ambos os dous intelectuais -como avalan os seus libros Respirar polo idioma: os galegos e Xulio Cortázar (2006) e O soño galego de Julio Cortázar (2014)- Chisco Fernández Naval conta como esa amizade xorde no ano 44, cando Cortázar “aínda daba clase na Universidade de Cuyo, en Mendoza, onde tiña de compañeiro o escultor chileno Lourenzo Domínguez, grazas ao que acaban por coñecerse”.

“Aquela relación -explica- pronto pasou ao plano profesional, pois Cortazar vai ser incluído dentro dos proxectos de editoriais e de revistas que xestionaba Luís Seoane xunto con Lourenzo Varela e Arturo Cuadrado”.

Así, o primeiro medio especializado no que o escritor arxentino publicou un texto, Bruja, será a revista Correo Literario, dirixida polo devandito triunvirato de intelectuais, para os que tamén exercería labores de tradución do inglés ao español na Editorial Nova de textos de autores como Chesterton ou Walter de la Mare.

Aurora Bernárdez

En 1953, Xulio Cortázar casou coa tamén tradutora Aurora Bernárdez, irmá de Paco Luís Bernárdez, poeta galego-arxentino co que compartía amizade con Luís Seoane. Esa relación estenderíase até finais dos anos 60, concretamente até 1968, e sería un momento “non de creba, pero si de separación entre Cortázar e o resto da rede de amizades que trazaran en Bos Aires, xa que Xulio inicia un camiño que o ía afastar da literatura e dos amigos lle foron quedando ás beiras do camiño, mais, como dicía a propia Aurora, Luís e Xulio nunca se esqueceron”, apunta Chisco Fernández.

“Maio do 68 sería esa espoleta responsábel de que o escritor arxentino se convertese nun activista político, fundamentalmente debido ao compromiso con dous países que consideraba como propios, Cuba e Nicaragua, aos que entregou os últimos anos da súa vida. Desde aquela produciuse un cambio moi profundo dentro del, que aínda sentía a necesidade de escribir, e sufría por non poder facelo, pero para o que o compromiso político cos procesos que estaban a ter lugar en Latinoamérica, como o acoso a Cuba, a guerra en Nicaragua ou as ditaturas da Arxentina e Chile, vai ser moito maior, e entrégase a iso”, engade.

Esa amizade entre Luís Seoane e Xulio Cortázar, pese ao seu distanciamento, transcendeu as barreiras do tempo e o espazo, “pois Luís e Xulio sempre foron amigos”, como dixo Aurora Bernárdez no acto de doazón de todo o legado fílmico e fotográfico do autor á Xunta de Galiza no 2006, nun acto solemne que tivo lugar no Colexio de Fonseca e ao que acudiu toda a plana maior da política e a cultura galega, desde o presidente da Xunta até o da Academia, pasando polo do Consello da Cultura, o Parlamento ou o reitor da Universidade de Santiago.

Universo Bonaerense

Durante a súa conferencia na A.C. Alexandre Bóveda, Francisco Xosé Fernández Naval tamén abordará outros aspectos máis centrados no eido profesional. Por exemplo, o mundo editorial, sobre o que o filólogo ourensán quere destacar que, “ao contrario do que conta a mitoloxía arredor de Cortázar”, o primeiro relato que lle publican ao escritor arxentino é Bruja no Correo Literario, non Casa Tomada, nos Anales de Bos Aires de Jorge Luís Borges. Asemade, tamén dará luz a anécdotas como unha colaboración entre ambos os dous que non chegou a ver a luz no seu momento e na cal Seoane ilustraría un libro de relatos de Cortázar, como lle contou no seu momento ao mestre italiano da pintura Sergio Sergi.

Comentarios