Convocan unha xuntanza para salvar o Ateneo Ferrolán

O Ateneo Ferrolán vai a xuízo o día 17 de setembro por unha débeda promovida polo Concello de Ferrol que pode poñer en perigo o seu futuro. Convocan a vindeira segunda feira a partidos, sindicatos, organizacións culturais e sociais e particulares a unha xuntanza para salvar o Ateneo. 

Biblioteca do Ateneo
photo_camera Biblioteca do Ateneo

Unha demanda da Empresa Mudanza Felix por unha débeda de 39.000 euros é a que leva ao Ateneo Ferrolán a xuízo o vindeiro 17 de setembro. Segundo explican desde a dirección da entidade, débese á obra promovida polo Concello de Ferrol que obrigou a que desaloxaran as súas instalacións e tiveran que almacenar todo o seu patrimonio, biblioteca e hemeroteca incluídas. Malia esa circunstancia, o goberno municipal negouse a asumir o importe o que pon á entidade ferrolá nunha grave situación que pon en perigo a súa continuidade. 

Co lema “Salvemos o Ateneo Ferrolán”, convocan a unha xuntanza a organizacións políticas, sindicais, culturais e sociais ademais de creadores e creadoras co fin de demandar o seu apoio de cara ás mobilizacións que van desenvolver co fin de esixir que o Concello asuma o pagamento da débeda que provén da obra municipal de rehabilitación do edificio. Poñen sobre a mesa tamén a posibilidade de botar a andar unha campaña conxunta do mundo da cultura co fin de “reivindicar a cultura libre e participativa e para denunciar o despilfarro do presuposto cultural polo Concello de Ferrol e a infrautilización das instalacións culturais municipais”. A xuntanza está convocada para a segunda feira día 8 de setembro ás 20.30 horas no Salón de Actos do propio Ateneo. 

A sede do Ateneo atópase nun edificio do século XVIII no Barrio da Magdalena. Trátase dunha das institucións culturais máis antigas da cidade de Ferrol. 

Comentarios