Profesionais da cultura exixen garantías para a liberdade de expresión e a igualdade

Alerta ante a "perigosa deriva cara ás prohibicións" do último ano.
A obra 'Orlando' de Virginia Wolf foi censurada en Madrid.
photo_camera A obra 'Orlando' de Virginia Wolf foi censurada en Madrid.

As plataformas Seguir Creando e Seguir Creando en Dixital, entre cuxos membros está a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, veñen de facer público un manifesto no que fan pública a súa posición ante as eleccións do vindeiro 23 de xullo, “co obxectivo esencial de consolidar os avances logrados nos últimos anos e coa vontade de concluír os grandes proxectos en marcha, especialmente o Estatuto do Artista e Profesional da Cultura”.

Os membros da plataforma, “conscientes de recentes actuacións que poñen en risco o principio inalienábel da liberdade de expresión e de creación e a perigosa deriva cara ás prohibicións, a censura e a intervención dalgunhas administracións nos contidos das obras artísticas; así como certas ameazas que poden vulnerar o respecto cara aos dereitos das mulleres”, exixen un “compromiso e decidido na defensa e cumprimento da Constitución no que se refire á liberdade de expresión e de creación”, así como asegurar a  igualdade efectiva de mulleres e homes”.

As demandas concretas do manifesto resúmense en doce puntos: a existencia dun Ministerio de Cultura, dado que “a cultura non só é unha parte esencial do noso patrimonio pasado, presente e futuro, é tamén unha industria cun peso económico crecente, da que dependen case un millón de traballadores e traballadoras”.

Un compromiso firme na defensa da liberdade de expresión, atendendo os “graves atentados contra ese principio estabelecido na Constitución” que se deron no último ano. A plataforma pide un  pacto pola cultura no que no que se comprometan as Administracións e as organizacións profesionais do sector cultural.

Seguridade xurídica

Formúlase tamén a petición de que se garanta a participación das organizacións profesionais “na concreción xurídica, económica e social das políticas culturais, así como o desenvolvemento e concreción do Estatuto do Artista e Profesional da Cultura, o mantemento do IVE cultural “nos sectores e actividades nos que se aplica o IVE reducido, e ampliar o IVE cultural aos que aínda teñen o tipo xeral”.

Os profesionais da cultura demandan así mesmo diversas medidas que garantan os seus dereitos no eido dixital, reforzar a acción pública contra a pirataría e a participación activa no desenvolvemento da Lei europea sobre intelixencia artificial. Igualmente, esíxese continuar co debate sobre a Lei de ensinos Artísticos.

Comentarios