CRÍTICA DE CINEMA DA SEXTA FEIRA

"Conducta"

O crítico Andrés Castro achéganos á película cubana "Conducta", o drama social gañador da 36ª edición do Festival Internacional do Novo Cinema Latinoamericano de La Habana. 

conducta
photo_camera conducta

Director: Ernesto Daranas
Guión: Ernesto Daranas
Fotografía: Alejandro Pérez
Elenco: Armando Valdés Freyre, Alina Rodríguez, Amaly Junco, Miriel Cejas, Yuliet Cruz, Silvia Águila, Armando Miguel Gómez
(Cuba 2014, 108 min.)

SINOPSE

Carmela (Alina Rodríguez), unha mestra decana, ten unha especial sensibilidade cara aos alumnos de familias rotas. O curso no que ten a Chala (Armando Valdés Freyre) deixará unha profunda pegada no seu corazón ate o punto de levala a enfrontarse a directora da escola e as autoridades educativas que intentan internalo na Escola de Conducta.

CRÍTICA

"Un drama social que afonda nos problemas burocráticos, a pobreza, a emigración, o alcoholismo, a delincuencia... pero tamén é un canto á tolerancia, ao afán de superación e a calidade humana". 

Gañadora da 36ª edición do Festival Internacional de Novo Cinema Latinoamericano de La Habana, Conducta foi un dos grandes éxitos en Cuba, e do cine iberoamericano, do pasado ano. Supón a segunda longametraxe de Ernesto Daranas tras Os Deuses Rotos, o mesmo que fai 10 anos sorprendera ca extraordinaria curtametraxe documental Os últimos gaiteiros de La Habana.

En Conducta presenta un drama social que afonda nos problemas burocráticos, a pobreza, a emigración, o alcoholismo, a delincuencia... pero tamén é un canto á tolerancia, ao afán de superación e a calidade humana. Narra a historia de Chala, un rapaz, de pai descoñecido e nai alcohólica, que ten un comportamento tirando a difícil. Pese a todo acude todos os días á escola de primaria e pola tarde dedica o seu tempo a coidar das pombas do ático ou botar unha man en loitas ilegais de cans como único sustento familiar. Vida complicada que sumada aos problemas típicos da adolescencia fan que sempre ande metido en leas. Tras unha liorta na escola é proposto para ingresar na Escola de Conducta, internado de orientación para rapaces con dificultades de adaptación ou trastornos de comportamento. A mestra Carmela, consciente da complicada situación persoal de Chala, mediará para que non acabe no internado xa que iso remataría por precipitalo nas poutas da delincuencia.

Apoiado na excelente fotografía de Alejandro Pérez, que por momentos asemella á de Cidade de Deus, e por unhas interpretacións de abraiante naturalidade, tanto do debutante Armando Valdés Freyre (Chala), como da veterana Alina Rodríguez (Carmela), o director Ernesto Daranas aposta por unha crúa proposta que describa a realidade social dos ambientes máis desfavorecidos e deprimidos de Cuba e, de paso, facer unha dura crítica a certos estamentos educativos dun dos países do mundo máis preocupados pola educación dos seus cidadáns.

"Daranas quere dar así tamén unha fonda homenaxe a aqueles que senten a vocación pola ensinanza".

A personaxe de Carmela é unha guía espiritual, sabia e experimentada, que fai da aula un oasis diferente no que educar aos seus discípulos deixando que cada neno exprese o que pensa sen medo e sen reservas. Aposta por transmitir a esencia dos valores que lles fagan capaces de enfrontarse ao mundo con xenerosidade e de maneira aberta e comprometida. Unha mestra que deixa claro os seus valores nun discurso que da fronte ao consello escolar que ademais é unha das frase chave do filme: “hai catro cosas que fan a un neno: a casa, a escola, o rigor e o afecto, pero cando cruzan esa porta un mestre necesita saber que lles espera aí fora aos seus alumnos. Antes para min a vida era máis clara e sabía como debía preparalos, agora o único que teño claro é para que non debo preparalos”.

Daranas quere dar así tamén unha fonda homenaxe a aqueles que senten a vocación pola ensinanza. Aínda que o filme avanza firme, con guión sólido e unhas personaxes co cariz suficiente como para que nos importe o que lles pasa, hai unha certa aposta polo melodrama edulcorado que por momentos linda en estruturas de folletín. Con todo, a sensación final é a dun filme enérxico, ben dirixido e de calidade visual indiscutíbel que critica con valentía certa realidade incómoda do sistema educativo de Cuba sabendo, ao mesmo tempo, que é un filme subvencionado polo mesmo Ministerio de Cultura cubano. Isto denota que aínda hai países que priman os valores sociais e culturais por riba de calquera outro interese escuro.

              conduta2

Comentarios