Concertos Xacobeo: da millonada aos artistas de fóra ás migallas para a música galega

Os gastos na promoción do Xacobeo por parte de organismos públicos como a Axencia de Turismo da Galiza supoñen unha inxente cantidade de fondos que imposíbeis de cuantificar. Parte dese diñeiro vai destinado aos concertos que están a ter lugar por toda a Galiza durante o verán. Chama a atención a proporción destinada a grupos foráneos en comparación co achegado á música galega, que apenas está a ser promovida pola Xunta da Galiza ao amparo do “Ano Santo” 2022.

O grupo español Café Quijano (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O grupo español Café Quijano (Imaxe: Europa Press).

A Axencia de Turismo da Galiza está a destinar unha importante suma de fondos públicos aos concertos de música comercial que se repiten ao longo do territorio, segundo se evidencia no portal de Contratos Públicos da Galiza, que aínda non recolle o importe de todos os concertos que decorreron e decorrerán baixo o auspicio do Xacobeo, na súa meirande parte. Uns concertos caracterizados pola cativa presenza de música galega.

O organismo público dedica, por exemplo, 53.240 euros ao “patrocinio publicitario para a promoción de turismo de Galiza a través dos concertos de Roi Casal As Músicas do Camiño”. Un paquete de actuacións que levan o músico galego por toda a xeografía do país. A mesma fórmula que se emprega con Óscar Ibáñez Tribo, concertos para os que destina 66.550 euros.

Noutros casos, Turismo destina os fondos, mais non ao amparo da promoción do Xacobeo. É o caso dos 11.495 euros que dedica a contratar a actuación do grupo Treixadura na Festa do Viño de Meaño, no Salnés, para a que reserva 13.310 euros co fin de contratar a actuación de Guadi Galego.

O montante maior para o patrocinio dun espectáculo é o destinado ao concerto de Placebo e Inventio, para os que destina 629.200 euros. Un importe ao que cómpre sumar 907.500 euros de patrocinio para a promoción do turismo a través do Our Xacobeo Fest 2022, festival baixo o que se celebrarán as actuacións dos ingleses e dos estadounidenses. Por outra parte, un total de 509.000 euros é o que destina a patrocinar o turismo no concerto de Image Dragons.

O patrocinio dos concertos Los 40 Classic Locos por Galicia custou 305.900 euros. E, como informamos hai uns días, o contrato privado de patrocinio publicitario para a promoción do turismo a través das actuacións de Rosalía e James Blunt 272.250 euros.

Por outra parte, a Axencia de Turismo destinou aos concertos de Ilegales, Brincos, Andrés Suárez e Café Quijano 227.800 euros. Tamén baixo o mesmo obxecto de “patrocinio publicitario para a promoción de turismo”, gasta 220.220 euros nas actuacións de Luis Fonsi e Rozalén; 130.062 no de Coque Malla e Celtas Cortos; 111.570 no concerto de Víctor Manuel; 72.600 euros no de Bonnie Tyler; 54.400 euros no de Zahara, no marco do Festival Noroeste, e 42.350 no de Taburete, importe que se repite no patrocinio do grupo Cali El Dandee e no de Xoel López, no marco das festas da Estrada.

36.300 euros é o que custa o patrocinio do turismo a través do concerto de Dorian, no Noia Festa, e 26.620, o de Rufus Wainwright.

A produtora Esmerarte recibe 2 millóns

A maiores, o Goberno galego achega sumas de diñeiro aos ciclos de concertos no seu conxunto, e nos que a música galega é testemuñal. Eis o caso de Concertos Imperdíbeis, contrato do que é beneficiaria Esmerarte Industrias Creativas, que recibe 1,52 millóns. Os Concertos Únicos no Camiño recibe 473.800 euros, contrato do que tamén é beneficiaria Esmerarte.

A organización e difusión do ciclo Concertos na fin do Mundo valeu 250.000 euros e o contrato privado de patrocinio para a promoción do turismo a través de Los Conciertos de La Región, 150.040 euros.

Outros importes son os 120.352 de patrocinio de “varios concertos” no marco das festas de María Pita e do Festival Noroeste da Coruña; os 114.865 euros de patrocinio a través do ciclo de concertos Xacobeo no Interior; os 84.700 euros do contrato privado de patrocinio de turismo a través dos Concertos Solpores no Lagoeiro -casa rural situada no concello da Estrada-; ou os 50.000 para patrocinar o Festival Vilablues 2022.

Comentarios