XIII edición do Curtocircuíto

Compostela vístese de cinema

Arrinca o Festival Internacional de Cinema de Compostela Curtocuíto, que até o 9 de outubro acollerá un total de 65 pezas de 19 países. Na edición deste ano a novidade vén da man de Riquela, sala de concertos recentemente inaugurada que lle dará abeiro a propostas do festival.

my-last-film
photo_camera Fotograma de My Last Film, da sección Radar.

A segunda feira deu comezo en Compostela o Curtocircuíto, que desenvolverá até o 9 de outubro a súa XIII edición. Un total de 65 pezas de 13 países competirán nas categorías Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ nunha das citas obrigadas das persoas amantes do cinema.

A sección Penínsulas do Curtocircuíto, que recolle seis das películas máis destacadas a nivel estatal, pasa a ser competitiva nesta edición, polo que o filme gañador será cualificado automaticamente para os Premios Goya.

A respeito de Planeta GZ, que selecciona películas da escena audiovisual galega, conta con traballos de Carla Andrade, Lucía Vilela, Eloy Domínguez, Xurxo Chirro ou Diana Toucedo. Aliás, a sección Radar, con filmes a nivel internacional, acolle fitas de Mark Rappaport, Erin Vassilopoulos, Gabriel Abrantes, Nicolás Klotz ou Elisabeth Perceval, así como do galego Alberto Vázquez.

E, por último, en Explora preséntanse pezas innovadoras, próximas ao cinema de vangarda. A presenza galega vén da man de Alberte Pagán e Helena Girón.

Música

Acompaña o cinema esta XIII edición do Curtocircuíto unha programación multidisciplinar en que destaca a música. Da colaboración do festival con WOS, festival de referencia no ámbito estatal, chegarán os escoceses Cosmic Dead, Celestial Bums e Equations.

CosmicDead e Equations actuarán o 8 a partir das 21.30h na Capitol, namentres Celestial Bums presentarán as súas melodías de psicodelia moderna acompañados polos galegos Camarada Nimoy o día 6 ás 00h na Sala Riquela. Este espazo daralle tamén abeiro o produto da colaboración entre a asociación cultural compostelá La Melona e Curtocircuíto, nunha noite de psicodelia, rock e ritmos electrónicos a cargo dos valencianos Siesta!, o Dj portugués Dragao Inkomodo e o asturiano Dj Isla del Tesoro.

Convidados

Após a súa visita a outras citas de cinema internacionais, pasarán por Compostela o cineasta dos EUA Abel Ferrara e o ucraíno Sergei Loznitsa. Aliás, desenvolveranse obradoiros de formación impartidos por Jonathan Rosenbaum, Xabier Erkizia e Javier Álvarez.

Comentarios