teatro

'Iribarne', unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, chega á Galiza en xaneiro

En xaneiro estrea na Galiza, en Vilalba, a obra de Esther Carrodeguas. Alén de Vilalba, Iribarne xa ten datas confirmadas en Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.

Unha escena de 'Iribarne', de ButacaZero. (Foto: Geraldine Leloutre)
photo_camera Unha escena de 'Iribarne', de ButacaZero. (Foto: Geraldine Leloutre)

Logo dunha exitosa presentación en Madrid, ButacaZero vai estrear na Galiza a súa última proposta escénica, Iribarne, o vindeiro 13 de xaneiro en Vilalba. O Auditorio Carmen Estévez será o punto de partida dunha xira por boa parte do país e por numerosas cidades do Estado que se desenvolverá durante 2024. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.

Iribarne é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsábeis da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incribelmente imprescindíbeis da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e engade que "foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar".

Para Castiñeira, responsábel da dirección, "este personaxe é inabarcábel” e “entendo o que fixo, pero non desde onde o fixo e por que o fixo", e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación da súa biografía persoal e da súa traxectoria política.

Ambos sinalan que pertencen a unha xeración, a da transición, que medrou rodeada dun "silencio tácito arredor da historia política recente", e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. "Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia", apunta Carrodeguas.

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política desde o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga na Galiza. "Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España", sinala a dramaturga.

A posta en escena de Iribarne ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha "peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver", afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares até Salomé, Massiel, Serrat... pasando por episodios máis escuros, como Grimau, ETA ou a morte de Franco. "Percorremos dende a infancia até a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente", afirma Castiñeira. "Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado", conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single Who the F*ck is Iribarne? e que está editada por Subterfuge Records.

Comentarios