'Iribarne' estréase en Madrid en outubro

A montaxe teatral de ButacaZero contará con banda sonora de Berto. 
butacazero
photo_camera butacazero

Iribarne, a nova creación escénica de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, directores da plataforma ButacaZero, xa ten data e lugar de estrea. O Centro Dramático Nacional (CDN) acollerá o vindeiro 12 de outubro a estrea absoluta da peza, que se manterá no cartel do Teatro María Guerrero até o 12 de novembro, para iniciar en xaneiro de 2024 a súa xira pola xeografía galega e polo resto do Estado. 

Iribarne, unha coprodución de ButacaZero, CDN e MIT de Ribadavia, naceu coma un proxecto de investigación escénica arredor da vida e do percorrido político de Manuel Fraga Iribarne coa intención de entender non só a súa figura, senón descubrir as implicacións que tivo -e segue a ter no noso presente- un dos nomes máis controvertidos e populares da nosa historia recente.

 

“Non é exactamente un biopic, pois non collía nunha soa obra”, advirten Carrodeguas e Castiñeira, pero si que remata por ser un “paseo pola transición camiñando a carón dun personaxe secundario pero absolutamente imprescindíbel da mesma. Iribarne é un intento irreverente por comprender como chegamos ata aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón”, apuntan os creadores. 

A investigación comezou en xaneiro de 2022, ano no que se celebrou o centenario do nacemento e os dez anos do pasamento de Fraga Iribarne, a través do contacto con persoas que o trataran, ademais da gravación de entrevistas a diferentes figuras do eido político e social. 

 

Música de Berto

Por outro lado, "Who the f*ck is Iribarne" é o primeiro dos “temazos” creados polo cantante, guitarrista e produtor musical Berto que conformarán a banda sonora de Iribarne. O sinxelo estrearase nas principais plataformas dixitais ás 00 horas desta quinta feira 22 de xuño. 

Comentarios