Contracultura

Chus Pato: "Nestes momentos moita xente de fóra está a decatarse da potencia que ten a poesía galega"

Days of Poetry and Wine, un dos festivais de poesía de máis prestixio en centroeuropa, celébrase en Eslovenia. En 2017 iniciou o proxecto Carta Aberta a Europa, unha carta que se dirixe a Europa e ao mundo coa vontade de levar a linguaxe da arte e da poesía ao discurso público. O festival selecciona cada ano un poeta, a quen lle dá a oportunidade de abordar os temas que considera máis apremantes. A carta envíase aos membros do Parlamento Europeo, do Consello de Europa e da Comisión Europea e publícase en medios de comunicación de reputación internacional. Chus Pato foi a poeta escollida este ano para redactar a carta e viaxará a Ljubliana para lela no festival.
Chus Pato lendo o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. (Foto: RAG)
photo_camera Chus Pato lendo o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. (Foto: RAG)

—Como enfronta este reto de dirixirse a Europa desde a voz dunha poeta galega?
A verdade é que se trata dunha cuestión de bastante relevancia á que dixen que si cunha certa inconsciencia [risas]. Coñezo desde hai algún tempo a Aleš Šteger, o director do festival, e cando mo propuxo aceptei sen pensar demasiado no alcance que podería ter. Pensa que non só se lle envía este texto a todos políticos involucrados nas institucións da Unión Europea, senón que aparece publicada en medios tan influentes como o Frankfurter Allgemeine Zeitung ou a London Review of Books. Mais creo que ten a súa transcendencia que a carta estea redactada en galego, que ten un significado especial para o debate político que se dá en Europa.

—Šteger estivo no ciclo Poetas Dinversos que coordina Yolanda Castaño na Coruña. Coñece a poesía galega?
Xa coñecía a poesía galega antes de vir á Coruña. Eu estaba fóra cando veu á Galiza, mais cónstame que contactou persoalmente a varios poetas e que se interesou moito pola cultura do país. Eses contactos persoais son importantes para a difusión da cultura galega no exterior.

—Pero sería necesario que a presenza da cultura galega no exterior contase cun organismo oficial que estruturase e regulase a difusión fóra das nosas fronteiras. 
Si, pero sendo realistas, creo que somos conscientes de que o Instituto Rosalía de Castro, ou como se lle queira chamar, non vai existir até que se dea un cambio de Goberno. É moi necesaria unha institución semellante ao Institut Ramón Llull de Catalunya -que, por certo, organiza un obradoiro de tradución neste festival de Eslovenia, que é un dos máis potentes de centroeuropa- mais até que non se dea ese cambio político temos que acollernos a iniciativas persoais. Estamos nun momento en que moita xente de fóra está decatándose da potencia que ten a creación galega -e nomeadamente a poesía- e non podemos deixar pasar ningunha oportunidade de dala a coñecer noutras xeografías, por moi condicionada que estea a recepción.

—E cal é o tema da carta que vai ler no festival?
Non podía ser outro que Ucraína e a guerra que se está desenvolvendo no corazón de Europa. Non podo adiantar os detalles, mais falarei dela e tamén da identidade europea e da emigración como elemento que contribúe a esa identidade. E tamén da miña experiencia en Ucraína, dunha viaxe que fixen a través do país acompañando a Erín Moure. É unha carta escrita desde a emoción e desde a experiencia persoal. 

—Precisamente, a carta que escribiu o ano pasado Durs Grünbein avogaba por "unha alianza pacífica dos países europeos que puidese ser considerada como un exemplo para o mundo".  
Eu tendo a ser escéptica sobre o éxito deste tipo de iniciativas, cústame moito crer que os parlamentarios europeos vaian ler unha carta escrita por unha poeta galega ou de calquera outro lugar. Mais a finalidade deste proxecto é precisamente tratar de introducir voces discrepantes, ou polo menos diversas, no debate político.  A difusión que vai ter a carta, polo menos, asegura que haberá quen a lea e quen teña en conta o que esa voz, habitualmente minoritaria, ten que dicir. 

Comentarios