'Nós Diario' distribuirá o 25 de Xullo un libro de Castelao sobre o Estatuto do 36
A obra ve de novo a luz da man de Galiza Cultura
A Federación Galiza Cultura obsequiará o vindeiro 25 de xullo aos lectores e lectoras de Nós Diario unha edición facsímile da obra de Daniel Castelao O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios. O volume, que se entregará co exemplar deste xornal correspondente ao Día da Patria Galega, fai parte da campaña de Galiza Cultura Revivindo Castelao (Simbolismo e vixencia do seu legado), coa que esta entidade, que agrupa máis de 30 entidades culturais de todo o país, pretende lembrar o dirixente nacionalista no 75 aniversario do seu falecemento no exilio.
O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios foi editado orixinalmente o 28 de xuño de 1948 en Bos Aires pola Federación de Sociedades Galegas, polos centros coruñés, lugués, ourensán e pontevedrés, polo ABC do partido de Corcubión, polo Centro Betanzos e pola Irmandade Galega, organización que agrupaba a militancia nacionalista na Arxentina.
O volume, redactado por Daniel Castelao, pretendía facer unha síntese da loita da Galiza pola súa liberación nacional, en cuxo contexto explica o Estatuto de 1936. A publicación, que agora ve de novo a luz grazas ao esforzo de Galiza Cultura, quen conta neste proxecto coa colaboración da Deputación da Coruña e do Consello da Cultura Galega, achega unha análise de Castelao sobre a cuestión nacional galega que vai máis alá da conxuntura en que foi elaborado o volume e ofrece unha perspectiva que supera as consideracións tácticas daquel momento. Neste sentido, trátase dun documento doutrinal onde se definen os aspectos nucleares da alternativa estratéxica do nacionalismo galego.
Daniel Castelao comeza a publicación negando o carácter autonomista da alternativa nacionalista. Neste sentido, afirma que "os nosos ideais aspiran ao estabelecemento en España dunha República federal que supere o cativo réxime de autonomías rexionais, concedidas por graza do Estado unitario". A este respecto, insiste nunha formulación presente en toda a súa obra doutrinal, que precisa o 28 de xuño de 1949, afirmando que "os nosos ideais non se limitan a conseguir un simple Estatuto outorgado polo Estado Español, senón unha autonomía integral para Galiza dentro dunha Confederación Hispana".
Unha parte importante da elaboración teórica de Castelao está destinada a argumentar o carácter nacional da Galiza. A este respecto, conclúe que "Galiza, pois, conta con todos os atributos históricos que caracterizan ás verdadeiras nacionalidade pero fáltalle algo moi importante para ser perfecta; fáltalle a independencia política, o Goberno propio, que toda sociedade humana precisa". Nesta liña, considera que as nacións son suxeitos de dereitos políticos, depositarios por conseguinte de soberanía, elemento nuclear do corpo doutrinal de calquera alternativa política que se defina como nacionalista.
Castelao explica o Estatuto do 36 como parte da loita do pobo galego desde o século XIX por restaurar a súa soberanía política. Neste sentido, apunta que no Estatuto "aprobado polo pobo galego en 1936" hai que distinguir dúas cousas: "O documento en si, forzosamente limitado ás exixencias da Constitución, e o desexo de Goberno propio e vida libre que o acto plebiscitario supón”. Precisamente, esta formulación está recollida literalmente na acta fundacional do Consello de Galiza asinada o 15 de novembro de 1944 en Montevideo (Uruguai), onde se defende "o dereito de autodeterminación para o pobo que representan”.